A poboación da Galiza continúa por baixo dos 2,7 millóns no censo de 2021

O Estado fixo oficiais as cifras do censo de 2021 (Foto: Europa Press).
A poboación no conxunto do Estado creceu en nove Comunidades Autónomas en 2021 e reduciuse en oito (Galiza está neste último grupo).

O Goberno español aprobou esta terza feira en Consello de Ministras e Ministros o Real Decreto polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2021.

No que respecta á Galiza, que volveu perder poboación, fechou 2021 con 2.689.152 habitantes.

A poboación no conxunto do Estado creceu en nove Comunidades Autónomas en 2021 e reduciuse en oito (Galiza está neste último grupo).

Os maiores aumentos en termos absolutos producíronse en Valencia (32.701 persoas máis), Andalucía (21.748 máis) e Catalunya (19.940 máis).

Pola súa parte, os principais descensos producíronse en Castela e León (13.075 persoas menos), Asturies (7.293 menos), Comunidade de Madrid (6.795 menos) e Euskadi (6.792 menos).

Poboación estranxeira

En relación á poboación estranxeira, o INE sinala que a súa proporción sobre o total da poboación rexistrada no Estado sitúase en 11,6%.

O rexistro indica que, durante o ano 2021, o número de estranxeiros aumenta na maioría de Autonomías. 

Os maiores incrementos de poboación estranxeira danse en Andalucía e Valencia (ambas con 3,6%) así como na Galiza (2,9%).