Cruzada a barreira das 8.000 millóns de persoas no planeta

Malia o rápido crecemento da poboación mundial, a ONU informa de que o ritmo está a diminuír, pois tras 12 anos que sumaron 1.000 millóns de habitantes máis ao planeta, o vindeiro millar precisará 15 anos, todo isto entre múltiples retos para que o aumento da poboación non incida nunha maior desigualdade.
António Guterres o sábado. (Foto: Aapimage / DPA)
photo_camera António Guterres o sábado. (Foto: Aapimage / DPA)

Ás 9 da mañá desta terza feira naceu Damián en Santo Domingo, a capital da República Dominicana. Esta crianza representa simbolicamente para a Organización das Nacións Unidas (ONU) o ser humano número 8.000 millóns que vive nestes momentos no mundo.

Para o secretario xeral da institución, António Guterres, isto supón unha “marca histórica para o desenvolvemento da humanidade”, após advertir a entidade que este crecemento é, ao tempo, “unha causa e unha consecuencia do lento progreso en materia de desenvolvemento”.

Sostendo que esta data é unha oportunidade “para celebrar a diversidade e recoñecer a nosa humanidade común”, Guterres puxo o foco na necesidade de abordar crises como o coronavirus, o cambio climático ou os conflitos armados, advertindo do “enorme abismo” entre os que teñen moito e “quen non ten nada”, e da permanencia da desigualdade de xénero e da vulneración dos dereitos das mulleres.

A pesar de que até aproximadamente 1800 a humanidade non superou os 1.000 millóns de persoas, neste tempo o crecemento da poboación multiplicouse, pois apenas foron necesarios 12 anos para pasar de 7.000 a 8.000 millóns de habitantes no planeta.

Aínda así, o Informe de perspectivas da poboación mundial da ONU incide en que este crecemento está a diminuír, pois non está previsto superar os 9.000 millóns ate finais da década de 2030, co punto álxido localizado en 2080, cando as estimacións avalían que haberá 10.400 millóns de seres humanos.

A ONU explica que “o rápido crecemento da poboación é unha mostra dos logros en saúde pública e medicina”, un avance que non se produciu coa mesma velocidade en todo o planeta, polo que os Estados coas taxas de fertilidade máis altas coinciden en moitas ocasións cos países coas rendas per cápita máis baixas. Ademais, o titular da Secretaría Xeral alerta de que este aumento de poboación “pode impedir que estes territorios alcancen os obxectivos de desenvolvemento sostíbel”.

Nesa liña, as expertas e expertos do organismo apuntan que para facer fronte a esta situación é preciso mudar os patróns de produción e consumo global, así como un compromiso dos países con máis ingresos para brindar “asistencia financeira e técnica substancial” para evitar que os Estados en desenvolvemento asuman custos como os impactos do quecemento climático, que eles mesmos provocaron.

Os cálculos sobre a expansión da poboación avanzan ademais que en 2023 a India converterase no país máis poboado do mundo, superando os 1.429 millóns de habitantes.

Comentarios