As plataformas de usuarios do tren urxen solucións "efectivas e inmediatas" ante os atrasos e o "caos organizativo"

Pasaxeiros na estación da Coriña, agardando esta terza feira por un tren con atraso (Foto: Nós Diario)

A falta de regularidade, suficiencia e fiabilidade do servizo público ferroviario na Galiza está a afectar, especialmente nas primeiras horas, miles de traballadores e estudantes, denuncian.

As plataformas de usuarios e usuarias do servizo ferroviario na Galiza, Media Distancia e Perder O Tren, reclaman unha “resposta rápida e eficaz” do Goberno de España, titular do servizo, do operador ferroviario Renfe e do administrador ferroviario Adif, ante a falta de regularidade, fiabilidade e dotación de prazas e reclaman a asunción de responsabilidades por parte das autoridades e xestores do servizo.

As persoas usuarias queren insistir na situación de prexuízo e indefensión que sofren tras o agravamento desde a semana pasada dos atrasos “sistemáticos” na Galiza, das avarías tanto de orixe Renfe como de Adif e das limitacións de persoal que sinalan sindicatos, que están a ocasionar numerosas supresións de servizos, comprometendo en definitiva o servizo e prexudicando miles de persoas a diario.

“Esta situación é insostíbel para as persoas usuarias, tanto recorrentes como puntuais, que acusan malestar psicolóxico e afrontan consecuencias negativas nos seus centros de traballo e estudos á vez que non contan cunha alternativa de transporte competitiva en tempos para a enorme mobilidade ferroviaria interprovincial galega”, indican ambos os dous colectivos nun comunicado conxunto..

A “falta de información”, de alternativas e de contención dos danos, o de coordinación entre Renfe e Adif está a ser a tónica predominante nestes días e hoxe mesmo, indican, unha nova xornada de “indefensión” para os usuarios con importantes alteracións do servizo desde primeira hora.

Por iso, piden ás autoridades e aos xestores do servizo do servizo público ferroviario, non dilatar máis a toma de decisións para dar solución inmediata aos problemas sinalados e coñecidos por todas as partes implicadas: “falta de prazas, de reposición de circulacións, de frecuencias en horario masivo útiles en todo o trazado, limitacións de persoal e material, descoordinación de Renfe e Adif e os xa mencionados de falta de fiabilidade, mantemento e ultimamente regularidade no servizo”.

“Urxente”

As incidencias que se veñen producindo nas conexións ferroviarias galegas “non son novas”, indican, e a pesar da comunicación dun plan contra os atrasos a principio de 2023, os usuarios “non ven avances de ningún tipo, porque os atrasos séguense producindo, sobre todo no Eixo Atlántico, e tampouco existe unha resposta adecuada, eficaz e rápida ás cancelacións que se producen polas incidencias técnicas”.

Neste sentido, os usuarios piden aos responsábeis da xestión do servizo ferroviario que non caian na inacción, resignación ou a normalización da deterioración no día a día dos viaxeiros. Os usuarios reclaman tanto á operadora como ao administrador e ao titular do servizo “urxentemente” reposición dos servizos, garantir o mantemento das vías e sinais e demais infraestrutura galega, paliar a falta de maquinistas, e optimizar o material rodante dispoñible para “garantir os principios básicos dun servizo público esencial, entre os que se destaca a regularidade”.

Así mesmo, ante a folga do servizo público ferroviario que terá lugar os días 24 e 30 de novembro e o 1, 4, e 5 de decembro convocado a semana pasada por CCOO. UXT, Semaf, SCF, CXT e SF, as plataformas de usuarios manifestan unha vez máis o seu respecto fronte a este dereito dos traballadores, a súa solidariedade cos traballadores de Renfe e Adif en Galiza, “cos que conviven a diario, e á vez que piden que se intensifiquen os esforzos de información aos viaxeiros xa que afectará o tráfico ferroviario galego con 30”.