Parlamento

"Trenicidio": o PP impide que a Cámara reclame máis frecuencias e prazas para o tren

O BNG acusa o Partido Popular de levar a cabo o maior "trenicidio" da historia en Galiza coa supresión, cando gobernaba, de 104 trens á semana e 1.776 paradas ao longo de todo o país, así como a eliminación de 40 estacións.
O deputado do BNG, Luís Bará (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG, Luís Bará. (Foto: Nós Diario).

O PP votou en contra dunha proposición non de lei na Cámara galega para reclamar ao Goberno estatal a ampliación de frecuencias e prazas nos trens do Eixo Atlántico e da liña entre A Coruña e Ourense, así como demandar o mantemento durante o 2024 dos bonos gratuítos e os descontos no Avant.  A iniciativa, defendida por Luís Bará (BNG) e que tivo o voto favorábel do PSdeG, denunciaba os "atrasos, incidencias, avarías, saturación e falta e prazas" que estes meses se están a denunciar por parte das persoas usuarias.

Bará quixo deixar claro que o BNG, "como contempla o estatuto", quere que a Galiza teña as competencias ferroviarias e unha entidade ferroviaria galega, "e máis pronto que tarde, cando gobernemos, teremos o GalTren", nome da proposta dun servizo galego de proximidade ferroviaria. 

Porén, para José Manuel Balseiro (PP), a proposición presentada polos nacionalistas non merece credibilidade desde o momento en que son "socios de Pedro Sánchez", ao que responsabilizar da situación ferroviaria da Galiza. "Hai unha clara falla de interese do Goberno español por modernizar a rede ferroviaria galega", sinalou Balseiro, que engadiu que o ten na Galiza é "exemplo de precariedade".

Pola súa parte, Patricia Otero (PSdeG) recoñeceu que era necesario defender máis frecuencias e prazas para os trens galegos, así como "horarios adaptados". Neste sentido, a deputada socialista sinalou que a posta en marcha de bonos e axudas para o tren "non saen da nada, senón dos orzamentos xerais do Estado", lamentando que o BNG non apoiase as contas para 2023.

"Trenecidio"

Na súa intervención, Bará acusou o Partido Popular de levar a cabo o maior “trenicidio” da historia en Galiza coa supresión, cando gobernaba, de 104 trens á semana e 1.776 paradas ao longo de todo o país, así como a eliminación de 40 estacións.

Comentarios