Nova xornada de atrasos e incidencias nos trens na Galiza

Xente agardando na mañá desta terza feira polo tren das 8 horas na Coruña con destino Vigo e que acumulou 1 hora de atraso (Foto: Nós Diario)
Indignación e malestar entre os usuarios ante unha problemática que "xa non é unha novidade"

Volven as incidencias e atrasos nos trens do Eixo Atlántico e non só neles. Após unha fin de semana con incidencias varias e unha segunda feira con atrasos e demoras de máis dunha hora nalgunhas liñas, esta terza feira arrancou tamén con atrasos. 

Así, o tren que parte da estación da Coruña ás 8 horas, con destino Vigo acumulaba ao redor de 1 horade atraso, causando indignación entre uns usuarios da liña do Eixo Atlántico que din estar "fartos" desta situación. "Centos de persoas retenidas no vestíbulo da Estación de San Cristobal e a app desinformando. Cantas persoas afectadas hoxe de novo na hora punta da mañá? E as conexións perdidas?", pregúntanse esta terza feira nos grupos de usuarios nas redes sociais.

Segundo fontes da compañía, unha incidencia afectou o tren que partía da Coruña con destino Ourense pasadas as 05 horas, que finalmente saíu unha hora máis tarde. Esta situación xerou un efecto fervenza, afectando o traxecto de regreso (Ourense-A Coruña), realizado polo mesmo convoi, que se atrasou uns 50 minutos. Ademais, o mesmo tren era o encargado de levar a cabo a viaxe entre A Coruña e Vigo ás 08 horas, polo que tamén rexistrou unha demora de máis dunha hora.

 

Cestións que se sumaban a que os viaxeiros e viaxeiras formulaban estes días. “Isto é inceptábel e non nos queda máis remedio que pedir responsabilidades en Renfe, Adif e o Ministerio de Transportes . O tren é un servizo esencial e na Galiza non se cumpre as garantías mínimas prexudicando miles de traballadores. Esiximos desculpas oficiais e cambios, XA!”, recollíase nunha conta de X que empregan os usuarios. "Que escusa hai xa para non ampliar frecuencias empezando por  madrugadores na Galiza? Que mais fai falta para reforzar persoal?  E para esixir resultados ao plan de puntualidade a Renfe e Adif?", pregúntanse nesa conta de X.

O delegado do Gobern español na Galiza, Pedro Branco, indicaba esta segunda feira que o Executivo estatal  traballa coa operadora ferroviaria Renfe e o administrador de infraestruturas Adif para dar "solución inmediata" aos viaxeiros afectados ante os "reiterados" atrasos de trens rexistrados na Galiza nos últimos días.

Tamén onte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado levar a cabo unha contundente actuación para pór fin aos retrasos continuados nos servizos ferroviarios na Galiza