Plataformas e colectivos tecen a Rede galega por un rural máis vivo

Un parque eólico no monte Pindo, no concello de Carnota (Imaxe: Wikimedia).
Este espazo está constituído por asociacións e colectivos de máis de dezaseis municipios que denuncian a construción de "parques eólicos abusivos". A súa primeira reunión tivo lugar a pasada semana, en Compostela, e onte presentáronse a través dun comunicado.

Paralizar os proxectos de parques eólicos que pairan sobre áreas rurais, acadar un marco legal que protexa o rural e o medio, ou dar visibilidade e denunciar o “espolio” que sofre o rural son algúns dos obxectivos centrais da recentemente creada Rede galega por un rural vivo. A pasada semana, asociacións e colectivos de máis de dezaseis municipios galegos reuníronse en Compostela constituír este espazo, que presentaron onte a través dun comunicado.  

Integrantes da rede
Salvemos a Comarca de Ordes, na que se integran veciñas dos municipios de Ordes, Mesía, Frades, Trazo, Tordoia e Cerceda; a Asociación 3 de maio, de Negreira, veciñas de Ponteceso, Mazaricos e A Baña, a plataforma Salvemos O Iribio; o colectivo Non Máis Eólicos, con integrantes de Coristanco, Carballo, Santa Comba e Tordoia, a asociación de afectados polo parque eólico de Outes e Mazaricos, e o colectivo Quixote, de Outes,  forman a rede.

O denominador común destes colectivos, como indica o nome de varios deles, é o seu rexeitamento cara proxectos eólicos que consideran "abusivos". "Non estamos en contra da enerxía renovábel, senón todo o contrario”, anuncian nun comunicado, "mais si dun modelo produtivo que empobrece as localidades onde se xera a enerxía e reduce o potencial crecemento destas áreas".

Fronte a este sistema, a rede tamén se compromete a investigar e divulgar "outras formas de produción de enerxía máis xustas, como o autoconsumo ou a produción de enerxía colectivizada para o consumo local".

A Rede denuncia o emprego do rural galego "como un parque industrial, sen ter en conta as graves consecuencias para a súa supervivencia, condenándoo a un futuro moi incerto e a unha aceleración do despoboamento". Se ben as súas integrantes continuarán traballando "por separado", este espazo contribuirá a "visibilizar" as súas demandas.