Ordes mobilízase contra a petición dun parque eólico

Parque eólico (Europapress)
A asociación Salvemos a Comarca de Ordes acaba de convocar de urxencia a veciñanza para este domingo (12 horas) a unha xuntanza no recinto feiral de Mesón do Vento. O motivo, a solicitude dun novo parque eólico, baixo o nome de Monte San Bartolomé, inserida no Rexistro Eólico da Galiza, e que se suma a outros cinco parques solicitados ou en tramitación na zona.

Segundo denuncia a plataforma, a execución desta nova infraestrutura afectaría, en Ordes, a Mesón do Vento e Ardemil, e á Barcula, Axáns e Hospital de Bruma en Mesía, mais aos concellos de Abegondo e Carral. O proxecto, que impulsa a compañía Enel Green Power –filial de Endesa para as enerxías renovábeis– prevé 11 aeroxeradores de 150 metros de diámetro.

"A do domingo é unha chamada para comezar a informar as veciñas e veciños, aínda que a información que temos é moi pouca. Queremos advertir dos efectos dos eólicos, sobre a saúde, sobre a nosa economía...", avanza Jessica Rei, unha das portavoces do colectivo. A convocatoria adianta xa que na reunión se valorarán, ademais,  as medidas de protesta a levar a cabo contra o parque. 

Proxectos retirados

Non será a primeira vez que a poboación da comarca de Ordes se enfronte a un proxecto destas características. O ano pasado, a veciñanza lograba a retirada de varias iniciativas eólicas de tramitación estatal a base de vixilancia, información, mobilizacións e alegacións. "Levamos ano e medio desde que os primeiros proxectos comezaron a ameazar a comarca, con eólicos a 200 metros de distancia das casas", sinala a portavoz.

 Segundo advirte, botáronse para atrás pero as novas propostas son "un espellismo" daqueles. "Teñen moitas similitudes. Tememos que se estean dividindo os 'megaparques' en proxectos máis pequenos pero que en conxunto teñen o mesmo impacto", di. Como informa, ao ter unha potencia menor, pódense tramitar pola 'vía rápida' da Xunta –a través da Lei de Iniciativas Empresariais, a chamada Lei de Depredación de Galiza, que reduce a 15 días o período de exposición pública– e, ao presentarse de forma fraccionada, os informes de impacto ambiental tamén van por separado. "Pero aos veciños e veciñas aféctannos en conxunto", alerta. 

Para a representante da plataforma, esta "euforia dos eólicos" que sofre Galiza responde aos "intereses de determinadas empresas" e a unha "falta de planificación do Goberno, que tiña que ter realizado un estudo de transición enerxética e unha actualización dunhas leis que non se corresponden coa realidade".

"Sabemos que o noso discurso é difícil, pero hai que dicir que non estamos en contra das enerxías renovábeis", subliña Rei, para apuntar que a plataforma demanda "un sistema máis xusto de produción enerxética compatíbel coas persoas que vivimos no rural, xa que este é un modo de vida que sostén o medio ambiente e sostén tamén unha cultura que é nosa". "O único que  queremos é vivir dignamente no rural, que parece ser territorio de espolio para determinadas empresas", censura.

Muíños perto do Camiño Inglés e da Reserva da Biosfera

A asociación alerta de que o parque proxectado prevé aeroxeradores a pouca distancia do Camiño Inglés, ao seu paso por Ordes e Mesía, e tamén afecta á Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.

"O patrimonio e a paisaxe hai que coidalos, porque son recursos económicos, sociais e de benestar común, e eses muíños alterarán a paisaxe e terán un impacto importante", salienta a representante veciñal, que lamenta, non obstante, que as vivendas e as particulares non gocen da mesma protección que os bens patrimoniais. "Entristécenos que non se contemple a seguridade e saúde das persoas", denuncia, e lembra que os xeradores eólicos, ademais do ruído e a sombra que proxectan, son fonte de risco de accidentes e tamén afectan as telecomunicacións.