As veciñas do rural non se alimentan do vento

Parque eólico na Galiza (Imaxe: Pixabay)

Desde 1995 e até hoxe instalárnose 4.026 muíños de vento nos montes do país, mudando a paisaxe. Entre 2007 e 2017 o sector eólico xerou un beneficio de entre 400 e 700 millóns de euros. En 2017 o retorno económico para as axentes rurais e os concellos foi de 5%. Unha porcentaxe que, segundo o Observatorio Eólico da Galiza, non contribuíu a dinamizar o rural ou a fixar poboación.

Entre 1997 e 2008 a paisaxe galega mudou. Nos territorios das serras que compoñen a dorsal galega ou na Costa da Morte instaláronse muíños de vento pertencentes a 137 parques eólicos.

Este rápido espallamento dos captadores de vento descendeu bruscamente e volveu despegar recentemente no país. Mais os beneficios que as multinacionais enerxéticas obteñen da explotación do aire non revirten na terra que convive cos muíños. Para mudar isto, voces expertas e veciñanza reclaman un cambio de rumbo na transición enerxética da Galiza.

A primeira onda

O Plan Sectorial Eólico de Galiza (PSEG) fixa a área territorial na que se poden desenvolver parques eólicos, que abrengue 624.173 hectáreas ou 21% da superficie galega. Na actualidade neses terreos funcionan hoxe 160 parques eólicos que suman 4.000 aeroxeneradores repartidos en 106 concellos.

Un informe do Observatorio Eólico de Galiza da Universidade de Vigo, asinado polas investigadoras Damián Copena, María Montero e Xavier Simón, analiza o impacto económico da enerxía eólica no medio rural galego. Nel destacan que a meirande parte dos concellos afectados polo PSEG son rurais, e que 60% dos muíños xiran hoxe en municipios de menos de 4.000 habitantes.

Porén, o marco regulador que deu impulso á construción de parques "non concedeu aos habitantes do mundo rural, nin aos propietarios dos terreos afectados polas centrais eólicas, capacidade de decisión sobre a posta en marcha das centrais".

Ao tempo, fixouse un determinado número de promotores que podían poñer en marcha parques eólicos, sempre empresas privadas. Non se tiveron en conta outras figuras, como os parques cooperativos ou comunitarios, nas que puidesen participar a veciñanza ou os Concellos. "Nin tan sequera figuran na normativa”, di o investigador Xavier Simón a Sermos Galiza. Entre 2007 e 2017 os beneficios desas empresas fluctuaron entre os 400 e os 700 millóns de euros.

O retorno no rural

O informe destaca, en base a unha estimación con cifras de 2017, que as propietarias dos terreos onde se instalaron parques eólicos e os seus Concellos recibiron 5% dos beneficios.

Esa porcentaxe volve ás comunidades a través do Imposto de Actividades Económicas (IAE) e do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI), ao que se suma un canon eólico imposto pola Xunta da Galiza e recurrido polo sector. Os 27,86 millóns de euros estimados son "unha cifra significativa", segundo Simón, mais "insuficiente para impulsar procesos de dinamización económicos e sociais no rural".

O retorno é insuficiente para impulsar procesos de dinamización económicos e sociais no rural

O presidente da Asociación Eólica de Galiza (EGA), José Manuel Pazo, distánciase das conclusións do Observatorio. "Ao longo dos anos a rendabilidade económica foi bastante variábel, non estamos demasiado de acordo cos cálculos", di en declaracións a este medio. Pazos esgrime que o sector rexeita o canon eólico por consideralo "un agravio" para o sector das renovábeis.

"Noutras comunidades non existe fiscalmente esta penalización, pero na nosa comunidade si", destaca. Tampouco concorda co reparto da Xunta, que destina unha porcentaxe a municipios nos que operan parques eólicos e outra a concellos galegos por concorrencia competitiva. Defende que o prezo que pagan as empresas polo aluger do terreo "é proporcionado".

O segundo boom

Após dez anos nos que a instalación de parques eólicos non superaba a cifra de 9, en 2019 construíronse na Galiza un total de 25, cunha potencia estimada por EGA de 575 megavatios (MW)."Que é o que queremos facer? Que se manteña este nivel de instalación anual na próxima década", avanza o presidente da patronal eólica. "Xa iniciamos os trámites na Xunta e cremos que é factíbel facelo", afirma Pazo.

Respecto as protestas en comarcas como a de Ordes pola publicación de proxectos de novos parques, Pazo amósase contundente: “O que temos claro é que se nun concello os habitantes non queren muíños estes non se instalan”.

O presidente da EGA explica os beneficios do novo despegue do sector. "As empresas instaladoras, as auxiliares, volven ter un traballo efectivo. Ademais instalámonos en áreas despoboadas, nas que se asenta o persoal de mantemento", destaca.

Se nun concello os habitantes non queren muíños estes non se instalan, di o presidente da patronal eólica galega

“O discurso político oficial defende que as enerxías renovábeis en xeral, e a eólica en particular poderían ser unha oportunidade para un desenvolvemento rural sostíbel”, recolle o informe do Observatorio Eólico de Galiza. Mais as evidencias dispoñíbeis non amosan que a transición enerxética que experimentou Galiza teña favorecido unha maior xustiza enerxética.

Por iso, as investigadoras do Observatorio propoñen incrementar as rendas procedentes dos beneficios do sector, dar unha maior participación ao mundo rural, crear unha figura de propiedade pública municipal ou aumentar a transparencia nos acordos e as boas prácticas nas empresas. "Todas as nosas propostas son medidas encamiñadas a incrementar a capacidade da enerxía eólica de impulsar as transformacións necesarias para paliar o abandono poboacional e derecursos no rural", di Simón.

Contar coas veciñas

Jessica Rey é veciña de Ordes e integrante da rede galega contra os proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas, que integra plataformas da comarca de Ordes e os concellos de Mazaricos, Santa Comba, Ponteceso, Carballo, da serra de Outes ou do Iribio. A rede naceu da conciencia dunha problemática común: as veciñas destes territorios opóñense á construción de parques eólicos que non teñan en conta a veciñanza. Demandan unha maior planificación na instalación de novos parques e un maior retorno dos beneficios económicos das empresas eléctricas na poboación local.

Hoxe o rural é un gran parque industrial, non se ten como prioridade a vida das veciñas, denuncia Rey

"Hoxe o rural é un gran parque industrial, non se ten como prioridade a vida das veciñas, senón dar facilidades ás empresas", denuncia Rey. " Os parques están promovidos por multinacionais que colocan os eólicos onde obteñen maiores beneficios e con leis moi laxas", explica esta veciña.

Para Simón, os movementos sociais que acompañaron ao segundo despegue da enerxía eólica poden obedecer á instalación de muíños en superficies agrarias e gandeiras. "Anteriormente instalábanse en superficies forestais ou en terreos de monte baixo, sen usos económicos", indica. "A maiores, algúns destes aeroxeneradores sitúanse moi preto das casas", engade.

Precisamente Rey sinala que a proximidade dos muíños aos fogares supón unha serie de prexuízos para a veciñanza. "As terras perden valor  e nalgúns casos chéganse a escoitar o ruído das pás", di. "As empresas eólicas din que enriquecen o rural, nós pensamos que non é verdade. Unha porcentaxe moi pequena dos beneficios van parar aos propietarios", conclúe a integrante da rede de plataformas galegas.