Medio Ambiente

Plataformas ambientalistas cualifican de "nesgada" a declaración ambiental do MITECO para cinco eólicos

Parque eólico. (Foto: Antonio Ayuso).
Os proxectos afectan 16 concellos da Mariña, Terra Chá e Os Ancares.

As plataformas 'A Mariña-Eólicas Así non' e 'Alto Miño-Eólicas Así Non' critican que as recentes declaracións de impacto ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para cinco parques de Greenalia no norte da Galiza " son claramente insuficientes e nesgados, xa que están realizados pola propia empresa promotora e avaliados posteriormente polo Miteco sen tempo nin persoal suficiente".

Nun comunicado conxunto remitido esta cuarta feira aos medios, ambas as dúas plataformas afirman que estes proxectos (Ventisca, Boura, Monzón, Borrasca e Levante,;todos eles promovidos por Greenalia) "están fóra do plan sectorial eólico da Galiza, é dicir, en áreas nas que non está permitida a construción destas infraestruturas". 

Alcoa

Estes polígonos afectan un total de 16 concellos pertencentes a tres comarcas diferentes, A Mariña , Terra Chá e Os Ancares: As Nogais, Becerreá, Triacastela, Baralla,Baleira, Pol, Ribeira de Piquín, Meira, A Pastoriza, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Alfoz, Cervo e Xove.

"Estanse valorando como cinco  polígonos eólicos distintos o que claramente é un único polígono coa súa vía única de evacuación, dándose así unha fragmentación artificial e ilegal dos mesmos", denuncian.

Tamén inciden en que a función principal destes proxectos é o de fornecer de enerxía a planta de Alcoa en San Cibrao, no Concello de Cervo, malia que a multinacional "está incumprindo sistematicamente todas as promesas feitas tanto aos seus empregados como ás Administracións" a respecto de manter actividade e emprego na comarca.

Campaña

En apenas cinco meses máis de 2.000 doantes —individuais e colectivos— achegaron ao redor de 175.000 euros nunha campaña de recadación solidaria que, baixo o nome de Ti podes paralos!, permitiu recorrer vía contencioso-administrativa no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) un total de 28 proxectos eólicos. A campaña segue en marcha.