Os pisos que se alugan a estudantes non cumpren as “condicións mínimas de habitabilidade”

O metro cadrado en aluguer acadou en xaneiro 8,08 euros na Galiza (Foto: Nós Diario).

Pedir o certificado enerxético e a xustificación do depósito da fianza no Instituto Galego de Vivenda e Solo, as recomendacións de administradores colexiados

O Colexio Oficial de Administradores de Leiras de Galicia (Coafga) alertou de que moitos dos inmóbeis que se alugan na Galiza a estudantes universitarios non reúnen as condicións adecuadas para habitar neles e teñen un prezo moi elevado.

Nun comunicado remitido aos medios, Coafga lembra que os pisos en alugueiro deben ser aptos para o seu uso e reunir unhas condicións mínimas de habitabilidade. Ademais, deben dispor de instalacións seguras e actualizadas de gas, electricidade e auga.

Pódense considerar non aptos para ser habitados os pisos que teñan graves danos ou humidades insalubres, características que presentan algúns inmóbeis que están no mercado de alugueiro, segundo manifestaron algúns colexiados que exercen a súa actividade en Santiago de Compostela.

O Coafga sinala que, aínda que os estudantes teñen fama de ser pouco coidadosos, "gozan dos mesmos dereitos que calquera arrendatario e nada xustifica que os pisos que se alugan a este colectivo non cumpran os requisitos mínimos de habitabilidade, como ter humidades, desconchados, electrodomésticos con funcionamento deficiente e, mesmo, móbeis rotos".

Tamén indican que as fianzas que se piden para arrendar son precisamente para a reparación dos danos que se puidesen producir durante o tempo que o inmóbel está alugado e agregan que tamén se poden exixir outras garantías de pago para asegurar reparacións na cobranza de rendas.

Ante iso, os Administradores de leiras recomendan ao estudantado que coa firma do contrato de alugueiro exixan o certificado enerxético da vivenda e, despois de asinado, o xustificante de depositar a fianza no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Por último, lanzaron unha serie de recomendacións para axudar aos estudantes que buscan piso. Entre elas, comparar os prezos e cambiar no momento no que atopen algo mellor, para o que avogan por tomar a decisión con calma. Tamén lembran que "as gangas non existen", que non se debe pagar por ver unha vivenda e que non se debe alugar sen antes ver o piso. Ademais, entre outras cuestións, recomendan incluír a todos os e as estudantes que viven no mesmo piso en contrato e ter a documentación á man.