As persoas dependentes, á espera da Xunta

Na Galiza, unha de cada tres persoas dependentes opta polo Servizo de Atención no Fogar (Imaxe: Arxina).
Galiza conta con 70.092 persoas cunha dependencia recoñecida, das que 8.456 esperan a recibir unha axuda. As familias seguen a cumprir un rol fundamental nos coidados, un eido que precisa de maiores investimentos e persoal para atender as persoas usuarias. 

Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia afianzou na normativa o eido dos coidados como o cuarto piar do Estado do Benestar. "Obriga aos poderes públicos a velar pola poboación con algún tipo de dependencia", resume Ana Rodríguez, vogal da directiva do Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza, a Nós Diario.

A aprobación da norma veu acompañada dunha serie de prestacións, recollidas nunha carteira de servizos sociais, que supuxeron un salto cualitativo e cuantitativo na atención á dependencia. Porén, o seu desenvolvemento fóra do papel non foi progresivo, e hoxe na Galiza a Administración non é quen de asumir o papel das familias en materia de coidados.

O prazo de agarda para recibir unha prestación ten unha media de 341 días

No último ano a lista de agarda de persoas cunha prestación recoñecida aumentou, sumando un total de 8.456 persoas cunha prestación recoñecida. O tempo de espera dilátase até os 341 días, cando o plazo legal permite un máximo de 180.

Estes datos están extraídos do último informe do Observatorio da Dependencia, que fala de 70.092 persoas con dereito á prestación recoñecida na Galiza. Porén, a enquisa estrutural a fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2017 contabilizou un número maior de persoas que se consideran a si mesmas dependentes, até 117.875 das enquisadas. 

Os coidados, insuficientes

Das cuestionadas polo IGE, 16,73% aseguraron que precisban 18 horas diarias ou máis de coidados; 11,59% demandaban entre 13 e 16 horas; 28,49% de 7 a 12 horas diarias; 28,32% de 3 a 6 horas e 14,86% até 2 horas ao día. O Instituto precisou que, en 2017, "4.248 persoas con dependencia na Galiza recibiron menos horas de coidados das que precisaban"."O acceso aos servizos muda entre unhas áreas e outras, sendo especialmente difícil nas rurais, debido á dispersión da poboación", engade Ana Rodríguez.

No país, unha de cada tres galegas con dereito a unha prestación por dependencia optan polo Servizo de Atención ao Fogar. Os Concellos son os encargados de ofrecer este servizo, coordinados pola Xunta da Galiza. Porén, a Federación Galega de Municipios e Provincias, que os aglutina, ten criticado en reiteradas ocasións a "burocratización" da tramitación das axudas,  reclamando a contratación de máis persoal de servizos sociais. 

Os baixos prezos do SAF son posíbeis a expensas da precarización das traballadoras, di Ana Rodríguez

"O que se detecta, e non o digo eu como alcalde ou como presidente da Fegamp senón os propios traballadores sociais, é unha excesiva lentitude, unha excesiva burocratización á hora da concesión de axudas de emerxencia", afirmou en xaneiro Alberto Varela, presidente da federación e rexedor de Vilagarcía de Arousa.

O financiamento é outro punto de fricción entre as Adminitracións. Varela apuntou que a Xunta da Galiza achega 9,7 euros ao tempo que os Concellos destinan entre 14 e 16 euros. "O SAF é unha das prestacións máis importantes, sobre todo se temos en conta o acervo cultural das galegas, cunha forte vinculación á terra e ao propio fogar. Por este motivo cómpre achegar un maior financiamento a este servizo que permite ademais unha maior autonomía das persoas. Actualmente, os baixos prezos que ofrecen as empresas de servizos a municipios co SAF externalizado son posíbeis en detrimento da precarización das traballadoras", reclama Rodríguez. 

O papel das familias

En 2017, de novo segundo a enquisa do IGE, unhas 144.539 persoas realizaban tarefas de coidado de persoas con algún nivel de dependencia. Delas, 79,47% atendían a membras das súas propias familias. Unha porcentaxe que apenas variou desde 2011, último ano con datos. "As familias continúan a ser imprescindíbeis, tanto ao coidar das persoas dependentes como á hora de asumir a súa cobertura económica e a de gastos extraordinarios como son a internalización", incide Ana Rodríguez.

O perfil das coidadoras é o dunha muller de entre 45 e 64 anos, o tramo de idade maioritario. Fronte a 37,24% de homes, 62,76% de mulleres asumen esta labor. Entre as entrevistadas polo IGE, 43,43% das coidadoras afirmaban dificultades para desenvolver esta tarefa "por faltarlles forza física". Outras das enquisadas preocupábanse por non saber como abordar o coidado dunha persoa dependente ou botaban en falta recibir algún tipo de formación.

Segundo o IGE, o perfil das coidadoras é unha muller de entre 45 e 64 anos

Asumir os coidados traduciuse en máis de 70% dos casos nunha redución do tempo de ocio ou dedicado á rede persoal, mentres que arredor de 25% tiveron que deixar de lado un traballo asalariado ou os estudos.

A Administración aprobou, en 2007, a figura da coidadora "non profesional", tratando de cubrir as fendas no actual sistema de prestacións. Un traballo asumido maioritariamente por mulleres: un informe de Comisións Obreiras salientou esta semana que 87,9% das persoas que nin teñen nin procuran emprego por mor das responsabilidades familiares son mulleres.  

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.