Perto dun ano de espera pola tramitación da dependencia

Os expedientes de dependencia tardan unha media de 342 días en seren tramitados
Na Galiza, os expedientes en materia de dependencia tardan unha media de 342 días en seren tramitados, un período que se encadra por baixo da media estatal.

A 30 de novembro, na Galiza existían 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes pendentes de valoración, é dicir, un total de 9.138 casos á espera dalgún trámite. Ademais, os datos tamén amosan que 12,4% das persoas que teñen dereito a esta atención á dependencia están desatendidas, na espera por algún trámite.

No resto do territorio estatal, o tempo medio de tramitación é de 426 días desde que se presenta a solicitude, segundo se desprende dos datos estatísticos do  Sistema de Información do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, Sisaad, recollidos polo Observatorio Estatal para a Dependencia.

"Estes datos explican que a pesar do incremento paulatino do número de persoas atendidas nos últimos dous anos, o ritmo é claramente insuficiente para  absorber as demandas de valoracións e atencións", indica o informe.

O estudo tamén apunta a que até novembro de 2019 incrementouse o numero de persoas en espera de valoración de grao de dependencia e en espera de atención de servizos ou prestacións, até as 423.000 persoas en todo o estado.