A lista de espera en dependencia aumenta na Galiza e sitúase en 8.456 persoas

Son  652 máis que en 2018. Galiza inviste só 126 euros por habitante fronte aos 150 da media de territorios do Estado.

Un total de 8.456 persoas con dereito a recibir prestacións de dependencia estaban na lista de espera a finais de 2019 na Galiza, o que supón un aumento de 652 persoas con respecto ao ano anterior (+ 8,3%).

Segundo os datos do XX Ditame do Observatorio da Dependencia, Galiza rematou o ano 2019 con 61.636 persoas atendidas. Porén, hai 70.092 persoas recoñecidas con dereito a prestacións, o que produce case 8.500 persoas beneficiarias sen asistir.

De feito, o informe chama a atención sobre o feito de que "todos os indicadores do sistema de dependencia na Galiza amosan un retroceso significativo con respecto á media alcanzada polo grupo de comunidades".

Así, este informe dá varios exemplos da "parálise" experimentada na dependencia na Galiza en comparación coa media de territorios do Estado.

Hai 1.537 novas atencións en Galiza en 2019 (ata 61.636 beneficiarios e beneficiarias), polo que soben 2,56%, lonxe do avance do 6,38% a nivel estatal. Ademais, as persoas valoradas aumentaron en 565 (ata 80.292), o que "apenas supón un aumento de 0,71% (6,09% estatal)".

Así mesmo, as solicitudes soben 0,61% na Galiza, con 489 máis e alcanzan os 80.673, tamén moi por baixo do 7,46% do Estado español.

O custo do sistema na Galiza supera os 478 millóns de euros, un 5,1% máis. Segundo este estudo, 76% do gasto corre a cargo da comunidade (299 millóns), mentres que 24% é polo Estado (92,4 millóns).

Así mesmo, Galiza inviste só 126 euros por habitante fronte aos 150 da media de territorios do Estado. Ademais, Galiza deixou de recibir 29,2 millóns de euros "como consecuencia dos recortes" incluídos no decreto de estabilidade orzamentaria de 2012. "Con ese diñeiro poderíanse atender 5.258 novos dependentes e podería crearse 1.320 novos empregos na Galiza", afirma.