A Valedora do Pobo critica "carencias" estruturais en servizos de dependencia

A valedora, Mª Dolores Fernández Galiño, durante a comisión (Imaxe: Europa Press)
Durante a celebración da comisión de seguimento das políticas relacionadas coa discapacidade insistiu na necesidade de avanzar na súa integración na sociedade.

Dolores Fernández Galiño, sinalou na sexta feira, durante a comisión parlamentar de seguimento das políticas relacionadas coa discapacidade, as "carencias" que presentan os servizos de Atención á Dependencia na Galiza e que sofren as persoas con discapacidade. En base a informes e testemuñas, a valedora destacou a "minusvaloración" vixente relativa ás persoas con discapacidades cognitivas, xa que os baremos actuais que valoran os graos de discapacidade focalízanse nos aspectos físicos.

Esta discriminación trasládase á propia normativa, xa que hai non tanto aínda se limitaba o dereito ao voto a persoas con discapacidade ou esixíase un informe médico que autorizase o seu casamento. Fernández Galiño tamén apuntou a necesidade de cambios no sistema de tutela, no camiño a promover a participación das tuteladas na toma de decisións, e nos servizos de Atención á Dependencia. Reclamou que as "carencias" estruturais do sistema na actualidade repercuten nestes servizos e, por tanto, nos tempos de agarda para obter unha praza en residencia, recibir axuda ao fogar ou acceder a outras axudas. 

Mulleres e emprego

As mulleres con algunha discapacidade, salientou a valedora durante a súa intervención, sofren unha dobre discriminación. A valedora precisou que este colectivo conta cunha gran porcentaxe de casos de violencia por parte das súas parellas, violencia machista ou de delitos sexuais. Cando tratan de denunciar os delitos, as mulleres atópanse con que as súas testemuñas teñen menos valor, debido "á súa discapacidade".

Para rematar, a valedora trasladou varias propostas para aumentar a inclusividade das persoas con discapacidade na sociedade, como eliminar barreiras arquitectónicas, adaptar os tempos  e as tipoloxías de exames na educación ou reservarlles prazas nas ofertas públicas de empregos temporais.