Persoal sanitario da Mariña tamén pide a suspensión electoral

Profesionais sanitarios compareceron onte no hospital da Mariña, en Burela. (Europa Press)
A situación epidemiolóxica na Mariña, onde os contaxios por coronavirus seguen aumentando por ducias, levou onte un grupo de profesionais sanitarios da comarca a trasladar á opinión pública a súa preocupación ante un escenario que, segundo estiman, excede o brote para ser xa unha transmisión comunitaria, que xustificaría a suspensión electoral nos concellos afectados, unha petición que se suma a dos alcaldes e alcaldesas de dez deses municipios.

Na súa comparecencia após o Consello da Xunta, o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, remitíase onte ao criterio dos e das profesionais sanitarias como guía das accións do seu Goberno na xestión do brote da Mariña. "Son quen nos salvaron a vida durante o núcleo duro [da pandemia], o ataque masivo do virus. Creo moito máis en quen nos salva a vida que nalgúns partidos políticos que se presentan ás eleccions e que probabelmente  non teñan como obxectivo salvar vidas, senón outros que non teñen nada que ver", sinalaba, para desacreditar as voces que, desde a oposición na campaña ou desde varios dos concellos confinados reclaman a suspensión da convocatoria electoral deste domingo polo risco de contaxio.

Na Mariña, persoal sanitario de distintos servizos –médico, de enfermaría e técnico, tanto de Atención Primaria como hospitalaria– convocou onte os medios no hospital público da Mariña, en Burela, para trasladar a súa "preocupación" ante a situación sanitaria da Mariña e a xestión que se está a facer desde a Xunta, con "falta de transparencia" nos datos, delegación nos concellos da súa responsabilidade e protocolos "feitos á carta" para manter as eleccións.

A Consellaría de Sanidade comunicaba onte 21 novos casos  activos na comarca, se ben a cifra desconta do cómputo total as 15 persoas contaxiadas que recibiron a alta nas últimas horas –e que se suman ás 10 que o fixeron esta semana–, o que eleva a cifra a 36, até os 165 positivos.

"Cremos, e é un sentir xeneralizado, que hai unha transmisión comunitaria. Non sabemos de que intensidade, pero o sistema sanitario é incapaz de conectar todos os casos, de trazar unha liña continua", advertiu nesa comparecencia Íñigo Melchor, facultativo do PAC de Viveiro.

Como expuxo, as cifras que facilita a diario o Sergas, e que se empregan para decidir manter a convocatoria de eleccións, "non coinciden" coas que manexan as e os profesionais na Mariña, que son máis elevadas. "Eses datos non se poden empregar como argumentario para o tema das votacións porque non son reais", manifestou o sanitario, quen estimou que, dada a situación epidemiolóxica, "as eleccións deberían suspenderse". 

"Xa se fixo previamente. Cando –no mes de marzo–se fechou Galiza había bastantes menos casos en toda a poboación dos que hoxe hai só na Mariña. Cremos que se está mesturando unha situación de saúde cun interese por facer unha votación", indicou o portavoz. 

En efecto, cando o Goberno galego declarou a situación de emerxencia sanitaria, o 13 de marzo, contabilizábanse 90 casos positivos, que ascendían a 135 na xornada seguinte, na que entraron en vigor as restricións, e na que se produciu o primeiro falecemento por Covid-19 na Galiza. Segundo os datos facilitados onte polo Sergas aos alcaldes e alcaldesas dos 14 concellos que permanecen fechados, xa só  Burela, o de maior incidencia do brote, concentra case aquela cifra, con 122, moi por enriba de Foz (15 positivos) ou Viveiro (11). Segundo estes datos, 8 dos 14 municipios levan tres días sen presentar novos contaxios.

"Os criterios de maior transmisibilidade do virus están fixados internacionalmente: lugares fechados, con moitas persoas durante moito tempo. Danse os tres [na xornada electoral]", estimou onte doutor, quen alertou tamén dos primeiros contaxios, neste brote, de persoal sanitario na comarca, un dos sectores máis golpeados durante os meses máis graves da pandemia. "Sabemos que a nosa profesión é de risco e asumímolo, pero pedimos que se fagan ben as cousas", demandou Melchor. 

A este respecto, este grupo de profesionais tamén pon en cuestión a posibilidade de reabrir parte dos concellos confinados desde principios de semana para conter o foco, e censura a extensión das medidas preventivas aplicadas pola Xunta esta semana. "Non  coñecemos ningún outro caso a nivel mundial de confinamento de cinco días [...] Desde o punto de vista médico non ten sentido reabrir os concellos", afirmou o seu portavoz, quen tamén aludiu a "contradicións" entre os protocolos sanitarios a aplicar na Mariña.

[Podes ler o texto íntegro no Nós Diario que atoparás o 10 de xullo de 2020 nos quiosques e tamén na loxa.]