Covid: O persoal do Cegadi denuncia que a Xunta o excluíu da vacinación

Vacinación do persoal sanitario en Compostela. (Foto: Área Sanitaria de Santiago)
Representantes sindicais destacan que na segunda fase só administraron a dose do tratamento contra o coronavirus a médicas e enfermeiras, pero non ao resto das empregadas do Centro Galego de Desenvolvemento Integral ao que se deriva a moitos maiores infectados desde residencias de toda Galiza.

A miúdo parte das e dos usuarios de residencias que falecen pola Covid-19 en Galiza fano nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) de Compostela, até onde son trasladadas desde os seus xeriátricos de referencia. Como alí as e os residentes van cando son diagnosticados con positivo no virus non poden recibir a vacina, mais o persoal sociosanitario que atende a estas doentes si precisa reducir o risco ao que se enfrontan cada día.

No entanto, CIG Saúde Compostela denunciou hoxe que a Xunta obviou ás traballadoras na primeira fase de vacinación, que comezou polos centros de maiores.

“Se ben aos residentes, por seren positivos en Covid, non pode administrárselle a vacina, as e os que alí traballan, si terían que estar vacinados. E non é o caso”, avisan desde a representación sindical.

Insisten en que na quenda inicial “non vacinaron a ningún traballador deste centro” malia ser a que correspondía ás operarias sociosanitarias de infraestruturas similares.

A central critica que o Goberno galego presumira da súa boa xestión, cando entenden que ese discurso non se corresponde coa realidade. Cando menos non coa que se vive no Cegadi.

Din que foi na segunda etapa, a do persoal sanitario, foi cando lle puxeron a primeira dose do fármaco contra o coronavirus a traballadores do Sergas, “médicos e enfermeiros que derivaron alí. A ninguén máis”.

O resto do persoal, á marxe

É dicir, sempre segundo as súas afirmacións, “o persoal técnico en coidados auxiliares de enfermería que é o que asea aos pacientes, dálles de xantar, múdalles as camas... Como non foi contratado polo Sergas, senón por Política Social, non foi vacinado”. O resto do cadro de persoal, entre os que estarían operarios e operarias da limpeza, da cociña e outros servizos tampouco entrou na campaña.

“Sacan da manga un centro ao que dotan de persoal, pero pese a traballar con anciáns positivos de residencias de toda Galiza, non entran na primeira vacinación coma o resto de residencias, públicas e privadas, senón que algunha das categorías, tampouco na segunda, porque non traballan para o Sergas”, lamenta a CIG Saúde, moi crítica coa xestión da Xunta.

Aliás, destacan que os contratos son “totalmente precarios” e que as empregadas deben ser consideradas case “heroínas e heroes” fronte “á improvisación”.