A Xunta vacinou 17 informáticos da Sanidade aos que non lles correspondía

Imaxe dunha persoa recibindo a vacina. (Foto: Xunta da Galiza)

O "erro" decorreu na área sanitaria de Pontevedra. A confesión xurde despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmara esta mesma quinta feira que os políticos que se vacinaron antes do que lles correspondería da Covid-19 aproveitando o seu cargo deben "dimitir".

Na Galiza a Xunta vacinou a 17 persoas nunha quenda previa á que lles correspondía. A confesión do Executivo galego chega hoxe, despois dunhas declaracións do presidente do Executivo no que destacase que aqueles cargos políticos que se vacinaron por diante do resto da poboación sen cumprir os protocolos -algúns do PP- teñen a responsabilidade de "dimitir".

Nun vídeo feito público pola Consellaría de Sanidade, o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, recoñece que xa se vacinou "por erro" a 17 profesionais aos que non lles correspondía recibir o tratamento nesta fase da campaña.

O responsábel público afirma que esta situación decorreu polos "problemas" rexistrados nos últimos días, o que xerou certa confusión e supuxo o adiantamento desas 17 empregadas nás áreas de informática sen que se deran conta até despois. Gómez Fernández comenta que esas persoas se incluíron "nunha ampla listaxe de 2.533" profesionais do ámbito sanitario da demarcación pontevedresa que, segundo declararon nun primeiro momento, están na primeira liña da loita contra o virus.

Por iso, as e os expertos recibiron as doses do medicamento "sen cumprir os criterios estabelecidos" polo Consello Interterritorial de Saúde. No entanto, vincula ese fallo a "un erro na elaboración das listas dun número tan importante de traballadores".

Aliás, na súa intervención engade que o "impacto" é de só o 0,6% do que se tiña na axenda nese documento. Desde o Sergas piden desculpas "por un erro puntual" e aclaran que seguirán coa vacinación ao persoal máis próximo ao tratamento do coronavirus cando se reciban as novas doses.

"O último"

Curiosamente esa confesión xurdiu poucas horas despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afeara o comportamento dalgúns compañeiros e compañeiras de profesión (políticos) que aproveitaron a súa posición para vacinarse antes do que lles correspondería segundo criterios médicos.

Desde o seu punto de vista esas representantes públicas -algunhas do Partido Popular- teñen que "dimitir" porque as políticas e políticos teñen que ser "escrupulosos" na aplicación do fármaco. Ademais, engadiu, que el preferiría ser "o último" do seu grupo de idade, segundo marque a campaña de vacinación, en recibir as doses.