Feixoo promete "intensificar" os controis tras o "erro" de vacinar 17 informáticos na área de Pontevedra

Alberto Núñez Feixoo prometeu que se "intensificarán" os controis para garantir que as e os primeiros traballadores do Sergas en vacinarse sexan os que teñen "relación directa cos pacientes", tras coñecerse que 17 informáticos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés recibiron a primeira dose debido a "un erro".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Foto: Xunta)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, prometeu que os controis serán "intensificados" so obxectivo de garantir que o primeiro persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en vacinarse sexa o que ten "relación directa cos pacientes", tras coñecerse que 17 informáticos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés recibiron a primeira dose debido a "un erro".

Así o manifestou o mandatario galego esta sexta feira, 22 de xaneiro, preguntado polos medios nunha intervención previa a participar no foro 'Next  Generation' xunto ao vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Esta comparecencia do presidente prodúcese horas despois de que o xerente da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, recoñecese nunhas declaracións que se vacinou "por erro" 17 profesionais de informática aos que non lles correspondía nesta fase.

Respecto diso, Feixoo remitiuse ás "desculpas" e "explicacións" dadas polo xerente e a continuación admitiu que, ao haber "máis de 40.000 persoas traballando" no Sergas, "ás veces pódese producir algún erro como o que se produciu".
Iso si, á marxe destes 17 informáticos, o presidente da Xunta asegurou que, "polo menos de momento, non se están producindo erros".

Feixoo recalcou que as persoas vacinadas por erro "son empregados públicos que traballan na administración sanitaria", pero insistiu en que "non lles correspondía estar na prioridade" do plan porque "non teñen contacto directo con pacientes".
En calquera caso, comprometeu "intensificar a práctica de velar" por que quen reciba as doses sexan profesionais en primeira liña da pandemia, "xa sexan médicos, persoal de enfermaría, persoal auxiliar ou persoal de cociña que leva a alimentación a unidades con enfermos de Covid".

Ao fío disto, o presidente da Xunta e líder do PP galego foi preguntado pola negativa para dimitir do tamén 'popular' conselleiro de Sanidade de Ceuta, Javier Guerrero, tras vacinarse contra a Covid-19 e afirmar que non gosta das vacinas.

"Non coñezo a explicación que (Guerrero) deu, pero digo que os políticos temos que dar unha mensaxe de  exemplaridade á sociedade", suxeriu Feixoo. "Neste momento, os políticos temos que dar exemplo. Espero que calquera político de calquera formación teña transparente a súa conduta e, se esa conduta non é transparente, cada un debe asumir a responsabilidade que lle corresponde", concluíu.

Comentarios