Enfermeiras denuncian que a Xunta discriminou profesionais dun mesmo servizo na vacinación

Profesionais da sanidade na UCI do Isabel Zendal. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Sindicato de Enfermaría rexeita que se estea a facer “distinción” polas categorías das e dos traballadores “nalgunhas áreas sanitarias” da Galiza. Esta queixa pública súmase ao "erro" ao vacinar a 17 informáticos do Sergas na área de Pontevedra.

Enfermeiras e enfermeiros galegos acusan ao Sergas de estar a facer “discriminación” durante a campaña de vacinación ao persoal sanitario. Segundo afirma o Sindicato de Enfermaría teñen comprobado que “nalgunhas áreas sanitarias” do país están a distinguir entre distintas categorías das e dos traballadores dun mesmo servizo para administrar as doses do fármaco contra a Covid-19.

A central sindical rexeita esa “distinción” dado que son empregadas “que traballan nun mesmo servizo” e, polo tanto, con independencia de que posto ocupen están “expostos aos mesmos riscos”.

“Todas as enfermeiras son de primeira liña e un dos colectivos con maior número de contaxios pola súa alta exposición”, incidiron desde Satse.

A secretaria autonómica do sindicato, Malules Carbajo, asegurou esta quinta feira que hai “malestar e indignación” dentro do colectivo “porque algunhas unidades non se consideraron de primeira liña”.

Neste sentido, fala en xeral dalgúns espazos dos centros hospitalarios como o “quirófano, quirófano de urxencias, medicina interna, partos, neuroloxía e consultas de maxilofacial, entre outras”. Sempre segundo as súas palabras, nesas áreas non foron “vacinadas” as e os enfermeiros.

Xa trasladaron o enfado ás xerencias das distintas áreas sanitarias nas que se detectaron os procesos selectivos e, malia que “nalgún caso xa se arranxou o erro, “Satse insiste na importancia de que as enfermeiras sexan vacinadas canto antes” porque entende que todas corren o mesmo risco.

Esta denuncia coincide no tempo co recoñecemento por parte da Consellaría de Sanidade dun "erro" ao adiantar de quenda a 17 profesionais que traballan para a área de xestión integrada de Pontevedra-O Salnés.