[VÍDEO] Persoal da CRTVG mobilízase ante o Parlamento Galego para pedir a reprobación de Sánchez Izquierdo

Concentración de persoal da CRTVG esta terza feira ante o Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
A concentración comezou ás 11 horas, coincidindo coa sesión plenaria na que BNG (mediante unha moción) e PSdeG (cunha proposición non de lei) pedían precisamente a reprobación de Sánchez Izquierdo.

'Non máis abusos', baixo ese lema decorreu na mañá desta terza feira unha concentración convocada polo Comité Intercentros da CRTVG ante o Parlamento galego, para reprobar a xestión do actual responsábel da entidade, Alfonso Sánchez Izquierdo.

A concentración comezou ás 11 horas, coincidindo coa sesión plenaria na que BNG (mediante unha moción) e PSdeG (cunha proposición non de lei) pedían precisamente a reprobación de Sánchez Izquierdo.

Durante a concentración puidéronse ouvir consignas como "Xubilación total para o director xeral" ou "Izquierdo vaite xa, da CRTVG".

Tanto o grupo parlamentario nacionalista como a bancada socialista demandarán na Cámara non só reprobar a xestión de Sánchez Izquierdo, incidindo na "vulneración de dereitos fundamentais do persoal traballador", senón tamén iniciar o trámite parlamentario para o seu cesamento e as negociacións entre PP, BNG e PSdeG para renovar o cargo.

"Queremos denunciar unha situación laboral marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre as persoas traballadoras críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento da CRTVG", sinalan desde o Intercentros.

“Abusos e manipulación”

Xa no pasado mes de marzo, persoal da CRTVG concentrouse tamén ás portas do Pazo do Hórreo, coincidindo co decurso da comisión de control do ente público, para volver denunciar os "abusos" e a "manipulación".

"Izquierdo, escoita, a tele está en loita. Izquierdo, escoita, a radio está en loita", corearon os traballadores naquela altura, dirixíndose ao máximo responsábel dos medios públicos, xunto a aclamacións como "Non á manipulación", "Rueda atende, a tele non se vende; Rueda, escoita, a radio está en loita" ou "CRTVG, pública e plural".