Persoal da CRTVG mobilízase en Compostela en defensa duns medios "a servizo do pobo"

Concentración de persoal da CRTVG esta quinta feira en Compostela (Foto: @rescataraCRTVG).
O presidente do Comité Intercentros, Tiago Alvite, denunciou a “manipulación continua e descarada” dos telexornais, “en beneficio da forza política no Goberno, o Partido Popular”.

Persoal da CRTVG concentrouse esta quinta feira diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza, en San Caetano. No decurso da mobilización denunciaron o “secuestro” dos medios públicos por parte do Executivo galego e demandaron o seu rescate para os pór ao servizo das necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.

Así o expresou o presidente do Comité Intercentros, Tiago Alvite, quen denunciou a “manipulación continua e descarada” dos telexornais, “en beneficio da forza política no Goberno, o Partido Popular” e o “deterioro da variedade, o equilibrio e a calidade dos contidos destinados aos distintos públicos” no resto da programación.

Alvite apuntou ademais a falta de atención que a CRTVG presta á infancia e á mocidade; a imaxe que reproduce das mulleres, “con reiterados e escandalosos episodios de violencia machista nos que se viu envolvida a CRTVG nos últimos tempos” e que lembrou que foron obxecto de denuncia, por parte da representación sindical e das organizacións feministas e políticas. Isto xunto coa falta de perspectiva que ofrece da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social.

O presidente do Intercentros denunciou, canda isto, a nula participación e control social da xestión e da programación da CRTVG, que “se están a deixar cada vez máis en mans de empresas privadas”, dixo.

"Defensa da independencia informativa"

Toda unha serie de cuestións que cualificou como “contrarias” aos valores que “deben inspirar a actividade audiovisual da CRTVG” e que resumiu en “defensa da independencia e a veracidade da información; o pluralismo político, social e cultural; a participación democrática; a cohesión social e territorial; a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, así como a defensa da identidade de Galiza, da súa lingua e a súa cultura”.

Por iso, en nome das traballadoras e traballadores da Corporación, instou os poderes públicos do país ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente ao estabelecemento do mandato marco, que fixa os obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG.