Persoal da CRTVG fai 20 días en folga e celebra un novo auto xudicial contra a dirección do ente público
Persoal da CRTVG chegou esta cuarta feira á súa 20ª xornada de folga. A protesta estivo marcada pola solidariedade con dúas persoas a quen, aseguran, a dirección da empresa abriu expediente disciplinario. A mobilización coincidiu cun auto xudicial que dá a razón ao produtor de O Termómetro, que denunciou ter sido apartado do seu posto.
A folga do persoal da Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) fixo esta cuarta feira 20 xornadas. As mobilizacións, que arrancaron o pasado 7 de outubro, conseguiron paralizar nestas 20 edicións a emisión do programa O Termómetro, que a dirección da CRTVG encargou a unha produtora privada e o comité intercentros da compañía sitúa como exemplo da externalización da programación dos medios públicos. Precisamente, a aposta por incrementar os contidos propios, recuperar o diálogo social na corporación e rematar coa manipulación informativa son as principais demandas da protesta.
A mobilización desta cuarta feira volveu paralizar O Termómetro, cuxos técnicos se sumaron á concentración do persoal diante dos edificios centrais da CRTVG en San Marcos (Compostela). A este respecto, a sindicalista da CUT e presidenta do comité intercentros da CRTVG, Raquel Lema, destacou a Nós Diario “a grande participación do persoal na folga e na concentración, unha das máis numerosas que organizamos, o que demostra o apoio á protesta e a gran unidade entre os traballadores e traballadoras e entre as organizacións convocantes da protesta”.
O secretario da CIG na CRTVG e membro do comité intercentros, Tiago Alvite, trasladou a Nós Diario “unha valoración positiva da folga que levamos adiante desde o 7 de outubro, onde malia as presións da empresa contra a representación social e o persoal, conseguimos parar en 20 ocasións a emisión do programa O Termómetro”. Nesta dirección, avanzou que “imos manter os paros e a folga até 13 de decembro, data no que se deixa emitir O Termómetro da CRTVG, como consecuencia da entrada en antena da programación especial da tempada de Nadal”.
O comité de folga denunciou ao remate da mobilización “unha vez máis o silencio mediático que impide que a cidadanía galega coñeza a existencia do conflito nos medios públicos de comunicación”. Neste sentido, agradeceu a presenza na protesta da xornalista Tareixa Navaza e do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a quen recoñeceron “o seu compromiso na defensa do servizo público”.
Na protesta desta cuarta feira denunciouse a "decisión da dirección da CRTVG de abrir expediente disciplinario a dous empregados da compañía" que participaron nas diversas convocatorias de folga. Neste sentido, Lema apuntou que “a dirección colleu estes dous traballadores como cabezas de turco, algo que é gravísimo, empregando unha patraña, co obxectivo de represaliar e sementar medo”. Na mesma dirección, salientou que “a mensaxe de protesta de hoxe [por esta cuarta feira] é de todo arroupe ás persoas represaliadas".
Denuncian "a represión"
Os sindicatos promotores da folga consideraron “gravísimo este novo chanzo represivo, tanto por basearse nunha farsa tecnicamente insostíbel que, aseguran, decaerá na vía de instrución, como moi especialmente por afectar de cheo unha traballadora que reúne dúas características: ser muller e ter un contrato moi precario”. Nesta liña, Alvite salienta a este xornal que "o expediente disciplinario o único que busca é amedrentar o persoal para rebentar a folga, sancionando a unha persoa que só está exercendo o seu dereito á folga”.
A totalidade das sindicatos que fan parte do comité intercentros da CRTVG rexeitan o expediente disciplinario aberto pola dirección da corporación. A Unión Sindical Obreira (USO), a única organización con presenza na compañía que non apoia a folga, emitiu esta cuarta feira un comunicado onde “defende que participar na folga non pode ser motivo de sanción por parte da empresa” e lembra que “non secundando a folga, defende o dereito individual de todo o persoal da CRTVG de sumarse á mesma”. Neste sentido, desde o comité de folga inciden “na soidade da empresa nesta estratexia”.
A táctica da dirección da CRTVG contra a folga recibiu un "golpe da Xustiza", celebraba o comité de folga. Esta mesma cuarta feira, a sala número dous do xulgado de social de Compostela aceptou as medidas cautelares solicitadas polo letrado do produtor de O Termómetro, que fora apartado da súa xornada habitual, mediante “unha modificación substancial do seu horario, amparada en supostas necesidades organizativas, que se traduciu na súa expulsión á quenda de tarde, deixando de exercer as súas funcións no citado programa e imposibilitándolle o exercicio da folga para substituílo por un produtor non folguista”, explica o comité de folga.
Este comité tamén sinalou que “a decisión xudicial evidencia a existencia das prácticas ilícitas para reprimir as folguistas. Esta mesma segunda feira a empresa daba a coñecer a apertura de expedientes disciplinarios ao persoal de iluminación”. Nesta dirección, resaltou que “a resposta dos compañeiros e das compañeiras das persoas afectadas foi unánime: todo o equipo técnico da TVG que participa na coprodución O Termómetro parou nesta cuarta feira para manifestar o seu rexeitamento ás medidas represivas da dirección e demostrar a súa solidariedade coas expedientadas”.
Mobilizacións: O comité de folga intensifica as protestas
A presidenta do comité intercentros da CRTVG, Raquel Lema, avanzou esta cuarta feira ao remate da concentración do persoal a decisión de continuar coas mobilizacións até a sexta feira 13 de decembro, data na que se suspende a emisión do programa O Termómetro como consecuencia do comezo da programación de Nadal nos medios públicos.
Precisamente, para esa xornada está convocada unha folga xeral de 24 horas, co obxectivo de paralizar as emisións da televisión e da radio galegas. O persoal dos medios públicos prepara un calendario de mobilizacións intenso para as vindeiras semanas. Así, ten convocada unha mobilización nacional para o sábado 30 de novembro en Compostela, coincidindo cunha xornada de folga na CRTVG desde as 8 horas até as 16.30 horas, que ten continuidade ao día seguinte cun paro desde as 16.30 até 24 horas. Nesta dirección, o comité de folga confía na "posibilidade" de estabelecer un diálogo que permita "atopar unha solución e arrincar o ano 2025 coa desconvocatoria do conflito". Os sindicatos promotores da protesta lamentan que a dirección da corporación non sente negociar para acabar coa folga e insisten en que a privatización da produción afecta "negativamente" ao volume de emprego.

