VÍDEO

O persoal de Jealsa, onde traballaba a muller asasinada en Ribeira, lembra a súa compañeira: "Sempre estará na nosa memoria"

Concentración do persoal de Jealsa en lembranza da súa compañeira asasinada en Ribeira esta terza feira. (Foto: Europa Press)
O Concello de Ribeira decreta dous días de loito oficial e chama a construír "unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia de xénero".

O persoal da conserveira Jealsa lembrou con concentracións no mediodía desta cuarta feira a muller asasinada a pasada terza, Andrea, pola súa ex parella en Palmeira, no concello de Ribeira (O Barbanza), que traballaba na planta da compañía no municipio de Boiro. Alí tivo lugar unha das concentracións convocadas en cada centro de traballo da empresa dedicada ao sector das conservas, que reuniu traballadoras e directivas para mostraren a súa repulsa polo crime da súa compañeira.

Na entrada da planta de Jealsa en Boiro, decenas de persoas reuníronse contra as 15 horas desta cuarta para render tributo á memoria da muller de 25 anos morta a mans de quen fora a súa parella. O home posteriormente intentou quitarse a vida e tivo que ser trasladado ao hospital.

"Onte [pola terza feira] a esta mesma hora despedíase até mañá co seu enterno sorriso. Nada facía pensar que a súa curta vida ía ser truncada dunha forma tan violenta, deixando un pequeno orfo e toda unha familia abatida", leu unha portavoz da compañía nun manifesto no que, en nome de Jealsa, trasladou a súa "máis enérxica condena" do crime.

"Como sociedade debemos unirnos nun firme rexeitamento a calquera manifestación de violencia de xénero e traballar de maneira conxunta, promovendo a educación, a sensibilización e a prevención desde todos os ámbitos, para construír unha contorna segura e respectuosa para todas as persoas", reivindicou.

Antes de dar paso ao minuto de silencio co que fechou a concentración, a portavoz da conserveira subliñou que a compañía "se suma á dor da familia e os amigos" da moza asasinada, de 25 anos de idade, quen estará "sempre" na memoria de Jealsa e os seus traballadores e traballadoras.

Dous días de loito en Ribeira

Minuto de silencio no Concello de Ribeira. (Foto: Europa Press)

As concentracións das plantas e oficinas da compañía conserveira foron unha das varias mostras de dor e pesar polo crime machista de Ribeira decorridas ao longo da xornada en distintos puntos da Galiza e, con especial intensidade, na comarca do Barbanza. O Concello de Ribeira decretou dous días de loito que comezan esta mesma cuarta feira, xornada na que se producirá unha concentración de repulsa a partir das 20 horas no Malecón.

O texto lido polo alcalde, Luís Pérez Barral, incidiu no compromiso de avanzar cara á construción "dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia de xénero". "Non podemos permitir que se perdan máis vidas", aseverou o rexedor, que apelou a facelo por memoria da asasinada en Palmeira e en nome do resto de vítimas da violencia machista.

Pérez Barral tamén chamou a avanzar cara a "un mundo no que todas as persoas poidan vivir libres e seguras" a través do compromiso "unitario" arredor da erradicación da violencia cara ás mulleres "en todas as súas formas".