O presunto autor do crime machista de Ribeira tiña denuncias previas dunha relación anterior

Efectivos da Policía científica no lugar onde tivo lugar o asasinato machista (Foto: Europa Press)

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco explicou que non existía ningunha denuncia previa por parte da vítima, nin estaba dentro do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).

O presunto autor do crime machista de Ribeira (comarca do Barbanza) tiña denuncias previas dunha relación anterior que "estaban anuladas polo paso do tempo", segundo confirmou esta cuarta feira o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco.

Con todo, explicou que, conforme á información trasladada polas forzas e corpos de seguridade, non existía ningunha denuncia previa por parte da vítima, nin estaba dentro do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).

Sobre este punto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) informou de que no partido xudicial o detido non ten ningunha causa aberta por delitos relacionados con violencia da muller.

Con todo, sinalou que os axentes desprazados ao lugar do crime informaron o xuíz que se encargou do levantamento do cadáver de que lles aparecía unha denuncia doutra parella no ano 2019.

Preguntado respecto diso nun acto en Compostela, o delegado explicou que o home continúa hospitalizado e que aínda non se lle tomou declaración, "nin en sede policial nin en sede xudicial". "En canto sexa posibel, pasará primeiro a disposición policial e despois a disposición xudicial e xa poderemos falar das declaracións que poidan ter relevancia procesual", apuntou.

A vida do agresor, fóra de perigo

Pedro Branco precisou que, segundo os últimos datos, "non se teme" pola vida do presunto agresor e "en cuestión de días poderá ser o alta hospitalaria", após a que será conducido ante a autoridade xudicial.

O delegado do Goberno sinalou que este "vil asasinato" está pendente de ser cualificado pola Comisión de Violencia de Xénero como crime machista. Após trasladar o pésame á familia, o delegado asegurou que o Goberno de España condena absolutamente este tipo de violencia.

Ademais, interpelado pola situación do fillo que a vítima tiña en común co seu presunto asasino, o delegado sinalou que está con "familiares" e que "existen mecanismos de lexislación civil para que o neno non quede desamparado".

Dito iso, preguntado pola situación dos menores cuxos proxenitores son denunciados por violencia machista, o delegado do Goberno lembrou que hai uns anos modificouse a lexislación para que ás persoas condenadas por estes delitos se lles retire a custodia de forma automática no momento da sentenza.

"Por tanto, de momento creo que temos os instrumentos suficientes. Iso non quere dicir que non teñamos que avanzar na instauración doutro tipo de instrumentos ou de implementación, pero neste momento este tipo de solucións foron xa postas encima da mesa e co Código Penal son perfectamente posibles", indicou.