Minutos de silencio en toda a Galiza en repulsa polo asasinato machista de Ribeira

Concnetración ás portas do Parlamento galego (Foto: Parlamento galego)

Pola tarde, en Ribeira a corporación municipal convocou unha concentración ás 20 horas no Malecón

A Galiza acolle durante esta xornada concentracións silenciosas en repulsa polo asasinato machista dunha moza a mans da súa ex parella ocorrido esta terza feira na localidade barbanzá de Ribeira.

Así, institucións autonómicas, locais e estatais gardaron un minuto de silencio durante este mediodía. O Executivo galego tamén se sumou a estes actos e a concentración foi nos exteriores da sede da Xunta en San Caetano. Alí, estiveron presentes o presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, así como conselleiros, diferentes cargos e persoal administrativo.

Ao finalizar, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, lamentou ante os medios, en nome de todo o Goberno galego, este crime. "Seguiremos traballando, como non podía ser doutra maneira, para, por fin, alcanzar esa cifra de vítimas cero que é a única asumíbel", declarou aos medios após o acto.

A continuación, detallou que puxeron a disposición da familia "apoio económico e psicolóxico" e remarcou que "continuarán traballando" para que, desde a educación e a prevención, tentar evitar estes sucesos e, "a ver se algún día, déixanse de celebrar este tipo de actos".

O Parlamento da Galiza gardou un minuto de silencio na escaleira exterior do Pazo do Hórreo que estivo encabezado polo presidente da cámara galega, Miguel Ángel Santalices.

En Compostela, o pleno do Concello comezou cun minuto de silencio e, posteriormente, a corporación municipal realizou un acto silencioso na Praza do Obradoiro para condenar este asasinato e tamén o da muller asasinada o 17 de marzo en Málaga e polas nenas vítimas de violencia vicaria en Almería.

Pola súa parte, o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco, e a subdelegada na Coruña, María Rivas, presidiron o acto silencioso que se levou a cabo na Coruña, no exterior da Delegación. En Ourense, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu o minuto de silencio e condenou "este tipo de violencias" e remarcou que "continúan na loita pola súa erradicación".

En Ribeira, lugar onde se cometeu o crime, está previsto a celebración dun pleno extraordinario para declarar o loito e ás 20 horas a Corporación convocou unha concentración no Malecón. Ao mediodía houbo un minuto de silencio no concello veciño da Pobra do Caramiñal.