Xuízo do Alvia

Un perito afirma que a curva de Angrois quedou "espida": "Se se respectase o regulamento, hoxe non estariamos nesta sala"

O perito maquinista Ángel Sanz Cubero. (Foto: Europa Press)
Ángel Sanz Cubero, maquinista experto en sinalización, asegura que o punto no que descarrilou o tren en 2013 estaba máis seguro coa sinalización anterior á alta velocidade.

O perito Ángel Sanz Cubero, maquinista experto en sinalización, subliñou que non concibe que a curva da Grandeira, onde descarrilou o tren Alvia en xullo de 2013, "quedase espida de seguridade", en relación ao cambio de proxecto que supuxo retirar o sistema 'ERTMS' dos últimos quilómetros da liña.

Sanz Cubero é o penúltimo perito en comparecer na fase de responsabilidade penal do xuízo polo accidente que deixou 80 mortos e 140 feridos no barrio compostelán de Angrois, hai xa case dez anos. Nesta penúltima sesión, antes de que comece a parte de responsabilidade civil, expuxo os seus informes a respecto da sinalización, que realizou a petición do avogado que defende Francisco Garzón, o condutor que levaba o tren aquel día.

Garzón está procesado xunto ao ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, ambos os dous por unha imprudencia profesional grave: o primeiro, por empezar a frear tarde e entrar na curva cun exceso de velocidade; o segundo, pola análise de riscos e a necesaria adopción de medidas de mitigación dos mesmos.

O punto "máis crítico"

A Grandeira era o punto "máis crítico" da liña entre Ourense e Santiago, posto que había que pasar de 200 a 80 quilómetros por hora, lembrou este perito, que incidiu en que o cadro de velocidades máximas non recolle unha información "real", xa que indica que o 'ERTMS' chega até un quilómetro no que si que cubriría a curva.

"Non concibo que se ispa de seguridade esa curva. É que non o concibo... Cando me achegaron documentación e tiña que chegar até aí, porque é unha liña de alta velocidade e debería chegar ao final da liña", advertiu. Neste sentido, destacou que "o sector ferroviario, cando se empeza a circular a máis de 160 quilómetros por hora, toma medidas", como a creación do sinal de vía libre condicional, que ten o foco verde intermitente e ordena ao maquinista que free. "Xa fixen un chanzo", resaltou.

Ese sinal, por exemplo, "avanza a información", pero tamén se implementaron outras medidas como o "preanuncio" e "os bloqueos de liberación automática", e créase o sinal de "preavanzada". Deste modo, remarcou que "hai un escalonamento na rede garantido".

"Hoxe non estariamos nesta sala..."

Nos seus estudos, Sanz Cubero detectou unha "irregularidade" na localización das balizas previas de todos os sinais avanzados, que están colocadas a 300 metros en lugar de a 500, polo que entende que a liña debeu limitarse a 160 quilómetros por hora, e non a 200. Se así fose, se se "respectase o regulamento", dixo, "hoxe non se estaría nesta sala". Angrois estaba limitado a 80 pero o propio Adif utiliza como argumento que admitía unha folgura de até o dobre desa velocidade.

Na súa intervención, ante as preguntas do letrado de Garzón, Ángel Sanz Cubero cualificou de "barbaridade" a localización dalgún cartelón, á luz do que el e outros expertos viron en viaxes en cabina após o sinistro ferroviario. En concreto, referiuse a un cartel "mal situado en canto a visibilidade" e "tecnicamente" cuestionou que sexa "o sitio idóneo en canto á protección dun tren que ten que ser protexido con 'Asfa' dixital".