O perfil das ingresadas na UCI, "demoledor": doentes de 16 e 20 anos

UCI do Hospital Clínico de Santiago (Foto: Ana Varela / Europa Press).
"Non podemos confiarnos e baixar a garda con estes datos", alerta o conselleiro de Sanidade. Por outra banda, anunciou que as persoas de 14 a 16 anos serán citadas a partir da vindeira semana.

"Non podemos confiarnos e baixar a garda con estes datos". Con estas verbas dirixiuse nesta cuarta feira á cidadanía galega o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior á xuntanza do Comité Clínico.

O conselleiro puxo o foco na ocupación hospitalaria, aínda en valores elevados con 259 doentes en planta (catro menos que na xornada anterior) e 63 na UCI (sen cambios), unha cifra que cualificou de "preocupante".

"O perfil das persoas ingresadas é demoledor, temos en estado crítico xente de 16, 20, 23, 28 e 30 anos, o que supón que o virus segue activo e que está a afectar especialmente a xente máis nova", dixo.

Remiten os contaxios

Con todo, a curva de contaxios da Covid-19 está a descender na Galiza a un ritmo semanal de -4%. Así o confirmou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. De feito, os casos activos caen unha nova xornada até os 12.730 (346 menos que no día anterior), a pesar do lixeiro incremento dos novos positivos detectados en 24 horas, un total de 597 (+193), a metade nas áreas sanitarias da Coruña-Cee e Vigo.

Porén, a taxa de positividade segue a duplicar o limiar de 5% recomendado para controlar a transmisibilidade, cun dato de 9,9%. E a variante Delta do coronavirus ten xa unha prevalencia de 91%, fronte ao 7% da Alfa.

No que atinxe ás residencias de maiores, as infeccións activas baixan a 110 (-9), mais fican en 51 os positivos nos centros de atención á diversidade.

Aliás, desde o inicio da pandemia faleceron 2.518 galegos e galegas por mor da Covid-19 (+6).

Medidas "transitorias" no sector hostaleiro

Con estes datos sobre a mesa, e logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tombara o pasado sábado a obriga de presentar o certificado Covid para acceder ao interior dos locais hostaleiros, Sanidade decidiu aprobar "de forma transitoria" unha ampliación da capacidade permitida nestes estabelecementos.

Así, nos chanzos alto e máximo o lecer nocturno só poderá abrir nas terrazas, cunha cabida de 75%, mentres no medio terá unha capacidade de 50% no interior e 75% no exterior e no medio-baixo de 50% e 100% respectivamente.

A hostalaría seguirá fechada no interior no nivel máximo, mais poderá atender no exterior a 50%; no alto, a cabida máxima será de 30% e 75%; no medio, de 50% e 100%, e no medio-baixo, de 75% e 100%.

García Comesaña afirmou que cando a Xunta teña coñecemento do auto do TSXG estudará "novas medidas" para o sector. Aliás, insistiu en que a exixencia do certificado Covid fora unha decisión "consensuada cos interlocutores do sector", a pesar de que hoxe mesmo 18 asociacións de hostaleiros, entre elas a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, publicaron un artigo conxunto en Nós Diario denunciando a "falta de diálogo".

Cambios de nivel

Así as cousas, o Comité Clínico decidiu non situar ningún concello no nivel máximo de restricións. No alto ficarán 35; no medio, 72, e no medio-baixo, os 206 municipios restantes do país.

Todas estas medidas serán publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) e entrarán en vigor ás 00 horas deste sábado.

Vacinación dos menores de 16 anos

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezou a citar esta semana as persoas de 16 a 19 anos, ao tempo que prosegue a inmunización do grupo de 20 a 29 (76% deles xa ten a primeira dose). Aliás, o conselleiro adiantou que a vindeira semana está previsto chamar as mozas e mozos de entre 14 e 16 anos.

No conxunto da Galiza, 1.859.587 persoas contan xa coa pauta completa (76,4% da poboación maior de 12 anos), e até 2.119.112 recibiron, cando menos, unha dose (86,3%).