Opinión

A solución da hostalaría non pasa por ilegalidades nin polo endurecemento das restricións: hai alternativas!

Artigo colectivo de varias entidades da hostalaría.

Os acontecementos da última semana deixan as seguintes claves:

1-. Non somos o problema. Somos parte da solución

Séguese responsabilizando de maneira desproporcionada á hostalaría dos  contaxios. O sector sufriu as diferentes políticas estatais e autonómicas e continúa a ser o branco fácil sobre o que recae a principal causa dos gromos.

Sinálannos novamente, a pesar de que os datos científicos poñen a luz nas xuntanzas e alternativas de ocio en espazos privados, que se producen sen medidas de seguridade e alleas á posibilidade de control. Un dato que corrobora esta premisa son as celebracións de Nadal, onde a actividade na hostalaría estaba altamente restrinxida, aínda así, foi unha das maiores ondas de contaxios sufridas a nivel estatal.

Demostra que as xuntanzas en espazos privados aumentan proporcionalmente ás restricións de capacidade e horarios que se lle impón ao noso sector.

2-. Urxe unha xestión que aporte solucións

O goberno autonómico mantén a súa loita persoal contra a hostalaría, con medidas improvisadas e carentes de lóxica: medidas extraordinarias en función do horario ou da licenza permitida, non da actividade que esta permite.

Actualmente e a pesar da resolución do TSXG, que declara definitivamente ilegais os chamados "certificados Covid", instaurados sen a pertinente autorización do Tribunal, o goberno simplemente se limita a xustificar a súa neglixencia a través da exposición de motivos no DOG do pasado venres.

Os criterios sanitarios, ratificados polo TSXG e baseados na presión hospitalaria e na incidencia acumulada, deixan paso neste mencionado DOG Bis do 13 de agosto a uns principios fundamentados no suposto de se o TSXG permite ou non a utilización dos certificados Covid.

Non é un argumento sanitario nin unha medida eficaz, xa que, como temos denunciado, a imposibilidade de contrastar a veracidade do documento faino inservible desde o punto de vista clínico.

Careceu, esta normativa, do mínimo rigor esixible sendo de tan importante natureza: non se nos facilitaron as ferramentas necesarias, nin sequera pautas específicas, ante un procedemento vulnerable, facilmente “falsificable”, recaendo a responsabilidade en nós, incrementando a presión que levamos intentando aguantar dende hai máis de 500 días.

Manifestamos a nosa disposición a colaborar con esta medida, ao igual que noutros países europeos, se se nos dota por parte da Administración das ferramentas necesarias para executala con garantías legais e de maneira eficiente. Ninguén máis que nós está interesado en buscar fórmulas que garantan a posibilidade de interiores seguros, que nos permitan traballar no 100% das capacidades que legalmente establecen as nosas licenzas.

3-. O sector é amplo e plural

Levamos 500 días reclamando diálogo coa administración autonómica, quen de maneira unilateral decide quen é a representación do sector, facendo oídos xordos a posicións construtivas que non signifiquen un apoio inquebrantable ás súas posicións. Non coñecemos nin se fan públicos os acordos aos que teoricamente se chega cunha representación mínima do sector; lexítima, mais minoritaria.

Non estamos dispostos, as persoas e asociacións aquí asinantes, que representamos a máis de 4.000 empresas, baixo ningún concepto, a chegar a acordos que non sexan estritamente legais, que entendemos por tanto que non son beneficiosos para o conxunto do sector.

4.- É necesario crear unha mesa de diálogo ampla e plural

Temos que chegar necesariamente a acordos que permitan manter a nosa actividade coa necesaria garantía da saúde pública. As empresas do sector, que a día de hoxe seguen resistindo, están ao límite das súas posibilidades. É máis que necesario que, se finalmente non hai acordo aorespecto de combinar o noso dereito ao traballo e a desenvolver a nosa actividade amparados polo dereito de liberdade de empresa, se poña enriba da mesa un Plan de Indemnizacións reais que permitan a supervivencia destas e dos postos de traballo que creamos.

Somos exemplo, despois de 500 días, de asumir de maneira pacífica as trabas que se nos impuxeron. Dubidamos que ningún outro sector tivera a paciencia e dispoñibilidade que nos demostramos en todo momento.

É hora de que este goberno se poña á altura que as circunstancias requiren, que abandone o marketing político de simular que se fai e se poña dunha vez por todas a xestionar a situación e dote ao sector dunha solución real.

Propoñemos:

- Non distinguir entre lecer nocturno e hostalaría: os criterios non deben rexerse polo tipo de licenza, senón polos usos e baixo argumentos estritamente sanitarios.

- Aforo nas terrazas do 100% en calquera dos niveis, sempre e cando se manteña a distancia de seguridade interpersoal e o límite de xuntanzas por mesa.

- Permitir o uso das barras, só para consumo sentado e mantendo a distancia de seguridade interpersoal, cunha limitación de capacidade do 75% do establecido e nunca superando agrupacións máximas de 6 persoas.

- Nivel medio-baixo: interiores ao 100%.

- Nivel medio: interiores ao 75%.

- Niveis alto e extremo: interiores ao 50%.

Artigo de opinión colectivo das persoas impulsoras do recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza:

- Lois Lopes

- Sergio Fernández

- David Dopazo

- Lucía Vázquez

- Asociación de Empresarios Lugo Monumental

- Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago de Compostela

- Asociación de Empresarios Beiras de Viveiro

- Asociación de Hostelería de Ribeira

- ShOS Hostelería Coruña

- APEMER Vigo (Asociación Provincial de Estabelecimientos Musicais y Espectáculos Reglados)

- ShOS Hostelería de Betanzos

- AHROU (Asociación de Hostelería e Restauración de Ourense)

- Asociación de Hostelería de Caldas de Reis

- H.A.F. (Hostaleiros e Autónomos de Ferrolterra)

- AHITUVI (Asociación de Hostelería y Recursos Turísticos de Vilagarcía)

- Asociación de Hostelería de Moaña

- Asociación Turística Comarcal Ría Muros-Noia

- Asociación de Hostelería Boiro-Rianxo

- Asociación de Hostelería do Deza

- Asociación de Hostelería de A Estrada

- ARECA (Asociación de Restauración de Cangas)

- HOEMPO (Asociación de Hosteleros de Pontevedra, Poio y Marín

Comentarios