Sanidade volve mudar a capacidade da hostalaría: sen certificado Covid, amplía a cabida dos locais

Varias persoas pasean polo centro histórico de Compostela (Foto: Arxina).
O conselleiro de Sanidade avanza os cambios acordados no mapa de restricións tras a reunión semanal do Comité Clínico e confirma que a semana que vén comezará a vacinación dos menores de entre 14 e 16 anos.

A situación epidemiolóxica mellora na Galiza. Máis os datos, especialmente de hospitalización, convidan a "non confiarse", advertiu o conselleiro de Sanidade tras a reunión do comité de expertos que asesora a Xunta sobre a pandemia.

Julio García Comesaña referiuse a un "descenso estábel" da incidencia no conxunto do territorio que, malia todo, non se advirte no grupo de idade de máis de 80 anos. Un dato "preocupante" ao que suma outra constatación: os hospitais galegos non acaban de confirmar o alivio da presión asistencial nas unidades de coidados intensivos.

Así, referiuse ao perfil "demoledor" dos pacientes ingresados en UCI. O máis novo conta só 16 anos e o doente de máis idade ten 78. Entremedias, hai doentes críticos "de 20, 23, 28, 30, 31 e 35 anos" salientou, antes de volver situar o foco no control do virus e no cumprimento das medidas de prevención.

Certificado Covid

Tras analizar as cifras máis alarmantes, García Comesaña refeiruse á negativa do TSXG de autorizar o certificado Covid para acceder á hostalaría e ao lecer nocturno.

Á espera de coñecer os argumentos do alto tribunal para rexeitar a solicitude da Xunta da Galiza, Sanidade anunciou un axuste da capacidade de bares, restaurantes e discotecas tras reducir a súa capacidade esta mesma semana.

Unha vez o TSXG faga público o auto que xustifica a súa situación, García Comesaña avanzou que estudarán novas alternativas, sen precisar ningunha medida concreta.

Mudanzas na capacidade da hostalaría e ocio nocturno

Os "axustes" anunciados hoxe por Sanidade amplían a cabida dos estabelecementos en deternimandos supostos.

Así, no nivel máximo, a hostalaría ficará fechada e as terrazas funcionarán a 50% da súa capacidade. No nivel alto, os locais seguirán traballando a 30% no interior e amplíase a capacidade das terrazas a 75%.

No nivel medio, os locais funcionarán a 50% no interior e a 100% nas terrazas. No nivel medio-baixo: a capacidade de bares e restaurantes amplíase a 75% no interior e a 100% no exterior.

Os estabelecementos de lecer nocturno seguirán fechados nos niveis máximo e alto de restricións, mais nas terrazas poderán funcionar a 50% nos concellos con máximas limitacións e a 75% nos municipios en nivel alto.

No nivel medio aumenta a capacidade: pasa de 30 a 50% no interior e queda fixada en 75% nas terrazas. No nivel medio-baixo, pubs e discotecas poderán abrir a 50% da súa cabida no interior e ocupar 100% dos espazos exteriores.

Cambios no mapa de restricións

Tras axustar as taxas de incidencia, a revisión da situación epidemiolóxica dos concellos non deixa ningunha localidade galega no nivel máximo.

No nivel alto ficarán os concellos de Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Camariñas, Vimianzo, Cabana de Bergantiños, Pontedeume, Cabanas, Ares, Rábade, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Grove, Meis, Bueu, Ponte Caldelas, Redondela, Tui, Vigo, Arbo, As Neves, Nigrán, Tomiño, O Rosal, Ponteareas e A Cañiza.

No nivel medio: Zas, Coiros, Corcubión, Carballo, Carral, Cerceda, Abegondo, Coristanco, Curtis, Ponteceso, Oza-Cesuras, Laracha, Cambre, Culleredo, Oleiros, Cariño, Fene, Narón, Neda, Ferrol, Ames, Ribeira, Padrón, Rianxo, Santiago de Compostela, Boiro, Silleda, Touro, Santa Comba, Trazo, Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Monterroso, Barreiros, Ribadeo, Viveiro, Avión, Allariz, Xinzo de Limia, A Veiga, Ourense, O Carballiño, Coles, Verín, A Lama, Portas, Cambados, Marín, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior, Gondomar, Salvaterra do Miño, Cangas, Moaña, Mos, Salceda de Caselas, Mondariz, Pazos de Borbén, Baiona e O Porriño.

Vacinación

Sobre o avance da campaña de vacinación, García Comesaña lembrou que esta semana están a inocular a poboación menor de 20 anos ademais a de completar a repesca de maiores de 40 anos. Os esforzos céntranse, tamén, na vacinación de mulleres embarazadas e de persoas  en risco de exclusión.

De cara aos próximos días, anunciou o inicio da vacinación de menores de entre 14 e 16 anos. Segundo informou, serán citados mediante unha mensaxe SMS co fin de encarreirar un regreso seguro ás aulas.

Doutra banda, Sanidade confirmou a predominancia da variante Delta do SARS-CoV-2 na Galiza fronte á Alfa, maioritaria até hai poucas semans. Neste sentido. Sanidade Pública confirma unha prevalencia da Delta de 97%.