As pensionistas de Compostela mobilizaránse en maio de forma "virtual"

Imaxe dunha das protestas mensuais convocadas pola Plataforma de Pensionistas de Compostela (Imaxe: Plataforma de Pensionistas de Compostela)
O colectivo reclama cambios no modelo asistencial ás persoas maiores e dependentes en tanto que o actual "fixo patente as súas eivas nesta pandemia".

“Moitos e novos son hoxe os nosos temores, pero non por iso, deixan de ser importantes as reivindicacións e a defensa dunhas pensións públicas dignas”, aseguran desde a Plataforma de Pensionistas de Compostela. Por iso, o vindeiro 4 de maio decidiron retomar de xeito “virtual” as súas concentracións mensuais na cidade.

Nun comunicado, sinalan as declaracións do ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá, en relación ao “aprazamento da reforma do sistema público de pensións”. “Preocúpanos, pois para nós debe continuar tanto na axenda do ministro coma na do Goberno español, e estar presente nas conversas que se teñan cos axentes sociais”, salientan as integrantes da plataforma.

No mesmo documento, o colectivo resume as súas principais reivindicacións. Entre elas, a necesidade de equiparar as pensións mínimas ao salario mínimo e chegar até os 1084 euros que fixa a Carta Social Europea. Tamén, rematar coa fenda de xénero.

As pensionistas de Compostela inclúen nas súas demandas mudanzas “imprescindíbeis” no modelo asistencial a persoas maiores e dependentes. O actual, apuntan, “fixo patente as súas eivas nesta pandemia”. Nese sentido, citan o falecemento de 242 maiores residentes nos centros residencias durante na actual emerxencia sanitaria.

“A ‘filosofía’ de quen hoxe, por mor de convenios, concesións ou concertos, están á fronte das residencias de maiores,  para a que cada persoa residente é igual a unha mercadoría á que sacar o maior beneficio posible, nada ten nin pode ter que ver coa filosofía que debe guiar á prestación dos servizos públicos”, defende o colectivo de pensionistas