Social

A OMS sinala que a metade dos falecementos en Europa pola COVID-19 producíronse en residencias de maiores

Hans Kluge (dereita) nunha comparecencia en Italia (Roberto Monaldo/EP).
O director da Organización Mundial da Saúde para Europa aposta por "lograr un equilibrio entre as necesidades das residentes e as súas familias, e garantir que os servizos se xestionen de forma segura e que o persoal estea protexido e ben apoiado".

Até a metade dos falecementos pola COVID-19 son persoas maiores que se atopaban en residencias, "unha traxedia humana inimaxinábel", sinalou o director rexional da oficina da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa, o doutor Hans Kluge, atendendo a que esta cifra podería chegar ás 55.000 mortes, segundo as estimacións dos países da rexión europea.

Por este motivo, esta quinta feira Hans Kluge puxo especial énfase en pedir aos Estados membros o seu "compromiso" para protexer ás maiores das residencias e ás súas coidadoras.

"Esta pandemia puxo de relevo os recunchos menosprezados da nosa sociedade. En toda a rexión europea, os coidados a longo prazo foron notoriamente descoidados. Pero non debería ser así", sinalou, antes de pedir que se estabelezan sistemas de atención a longo prazo integrados e centrados na persoa.

"Isto significa lograr un equilibrio entre as necesidades das residentes e as súas familias, e garantir que os servizos se xestionen de forma segura e que o persoal estea protexido e ben apoiado", salientou.

Para eles pide estabelecer plans integrais para previr e controlar as infeccións; dar prioridade ás probas de calquera caso sospeitoso entre as residentes e o persoal dos centros de coidados a longo prazo; proporcionar capacitación e subministracións e equipos médicos esenciais aos centros de atención; e illar todos os casos, estabelecer pavillóns ou espazos separados para as residentes con COVID-19 mesmo antes de que se produzan os primeiros casos, e asegurarse de que as residentes poidan ser remitidas e ser dadas de alta de forma segura do hospital.

"Estas medidas axudarán a reducir a propagación do virus, e permitirán a apertura controlada unha vez máis destes fogares ás familias e ás visitantes", explicou o experto, quen ademais pediu que, "de agora en diante", se prioricen "a calidade, os recursos, os sistemas de atención fortes e sostíbeis" que dean valor ás "necesidades e a dignidade das persoas", pois esa "debe ser a nosa norma de ouro".

Para isto, o dirixente da OMS para Europa solicita que se reúna a médicas, enfermeiras, farmacéuticas, profesionais da saúde e sociais, traballadoras da saúde e, sobre todo, ás propias usuarias das residencias de maiores na toma de decisións e na prestación de coidados.

"Temos moito que aprender o un do outro. Compartamos as experiencias relevantes en toda a sociedade, e os enfoques comunitarios da atención. A OMS está disposta a apoiar aos países para que estabelezan sistemas integrados de atención a longo prazo centrados na persoa", engadiu.

COVID-19 en Europa

Doutra banda, Hans Kluge lamentou que case o 50% da carga mundial dos casos de COVID-19, máis de 1,2 millóns, están na rexión europea. "Entristéceme informar que máis de 110.000 persoas perderon a vida. Desde a última vez que lles informei hai 7 días, os novos casos aumentaron en máis dun cuarto, e as mortes nun terzo", afirmou.

"Non se equivoquen, permanecemos en augas moi turbulentas e farémolo por algún tempo. Dos 10 países do mundo que notificaron o maior número de casos novos nas últimas 24 horas, 6 atópanse na rexión Europea", advertiu. Así mesmo, destacou a "redución de casos" no Estado español.