A probabilidade de morte nas residencias privadas pola COVID-19 é  5,7 veces maior que nas públicas

A residencia de DomusVI de San Lázaro, Santiago, unha das máis afectadas.
Modepen advirte da conivencia da Xunta coas empresas.

A taxa de mortalidade nas residencias privadas é claramente superior á das públicas. Segundo un estudo presentado polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen), con datos referidos até o 19 de abril, os centros de maiores de xestión ou titularidade privada contan con 18.215 prazas, acumulan 827 contaxios por coronavirus e suman 92 mortes. Pola súa banda, as residencias de xestión pública dispoñen de 3.407 prazas, concentran 60 infeccións e totalizan tres falecementos. A estas usuarias de residencias mortas nos propios centros débense sumar outras 100 usuarias falecidas nos hospitais até o día de onte.

Os datos desagradados do informe de Modepen sinalan que as porcentaxes máis elevadas de letalidade correspóndense cos centros de maiores xestionados por entidades privadas de carácter mercantil. Así, as residencias de titularidade e xestión privada suman 387 contaxios, 4,2% das residentes, e 65 mortes, 0,7% das usuarias, situándose a continuación os centros de maiores de natureza privada dirixidos por entidades ligadas maioritariamente á Igrexa, con 377 persoas infectadas, 5,1% das residentes, e 26 mortes, 0,40% das usuarias. 

“Os motivos da maior mortalidade nas residencias de xestión privada son de carácter multicausal”, explica o voceiro da entidade, Francisco Vizoso

Segundo Modepen, “a probabilidade de morrer pola COVID-19 nas residencias de xestión privada é 5,73 veces maior que nas públicas e a posibilidade de infección é 2,58”. “Os motivos da maior mortalidade nas residencias de xestión privada son de carácter multicausal”, explica o voceiro da entidade, Francisco Vizoso, que lamenta as “dificultades para acceder aos datos”, polo “enorme problema de falla de transparencia da Xunta da Galiza”. “A falla de medios é o factor primeiro para explicar a maior mortalidade nos centros de maiores privados”, conclúe Vizoso.

‘Alimentación mellorábel’

“A alimentación é mellorábel nas residencias privadas. A extensión dos sistemas de catering tamén contribúe a empeorar a oferta alimentaria nos centros de maiores”, sinala Vizoso, que destaca a “festa das usuarias da residencia de Aldán (Cangas) hai uns días por poder comer peixe sapo despois de anos”, unha vez que a Xunta da Galiza tomou o control após retirarlle a xestión a DomusVi. A elevada privatización no sector da prestación das residencias está provocando unha importante baixada na calidade asistencial, aspecto que tamén critican desde as asociacións de familiares de usuarias ou desde as organizacións sindicais.

Modepen amósase moi crítico coas políticas do Goberno galego en relación coa terceira idade. Así, o colectivo denuncia “a situación actual dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes na Galiza, que se caracterizan por ser escasos, estar enormemente privatizados, ter unha calidade moi mellorábel e uns prezos carísimos e abusivos”. Nese sentido esixen, tamén, a derrogación da actual Lei de dependencia, cualificándoa como “lei neoliberal que debe ser substituída por outra que destaque os intereses da maioría da poboación”.

“A conivencia da Xunta da Galiza cos operadores privados das residencias é absoluta. O Goberno galego leva anos traballando para os amigos, sendo total a identificación do PP coa Fundación San Rosendo en Ourense e sendo tamén coñecida a amizade que une a Núñez Feixoo e a executiva de DomusVi, Josefina Fernández”, salienta Vizoso.