Galicia Baleira reivindica un plan de acompañamento integral dirixido as persoas maiores

Duas personas maiores camiñan polas rúas de Vilagarcía antes da chegada do novo coronavirus (Xoán Roberes).
A plataforma Galicia Baleira critica o estado de abandono no que se atopan as persoas maiores, especialmente no medio rural, e demanda un plan “sistemático” de acompañamento financiado con cartos públicos.

“Estamos nun momento crucial”, aseguran desde a plataforma Galicia Baleira. Segundo denuncian nun comunicado, a pandemia do novo coronavirus sacou á luz o estado de abandono no que se encontran as persoas maiores. “Moitas viven soas, sen ter con quen conversar, a veces sen comida ou con escaseza de alimentos; noutros casos, enfermos. Non hai quen os atenda, quen os acompañe ao centro de saúde ou ao hospital, e moitos falecen sos, sen ninguén ao seu lado”.

O colectivo mantén que é o momento de reverter esta situación, de corrixir as desigualdade e de acabar cun “modelo socioeconómico inaceptábel e desmesurado, que fomenta o crecemento urbano e esquece as aldeas”.

Acompañamento

Para iso, Galicia Baleira avoga por darlle unha volta ao sistema actual para que coide das persoas maiores. “Cómpre un plan sistemático de acompañamento financiado con cartos públicos, non procedentes de fondos voitre ou empresas que xestionan as residencias co único ánimo de lucro”.

Neste sentido, a plataforma reclama máis residencias da terceira idade, tanto nas cidades como no medio rural, de xestión pública, atentas coas necesidades sociais e sanitarias das persoas usuarias, mais tamén das profesionais coidadoras, suficientes e sen contratos precarios.

Servizos sociais no rural

Galicia Baleira pide reforzar os servizos sociais, tamén no rural, un medio que debe ser “integrado” na rede de infraestruturas, servizos médicos, alumeado público e de comunicacións co fin de favorecer o seu desenvolvemento integral.

Así, insta á Xunta da Galiza a “deseñar programas institucionais de acompañamento das personas maiores e economicamente dependentes, ademais de reforzar a xestión dos Concellos para que poidan contribuír a través dos seus servizos sociais”.