Peneirar mitos no día do amor romántico

Acción do alumnado do IES Sánchez Cantón de Pontevedra o 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista (Imaxe: En negro contra as violencias).
Nós Diario afonda nos modelo relacional que exalta San Valentín, e que sitúa a parella como prioridade, con tres expertas dos ámbitos da sexoloxía, a filolofía e a educación social e mais a docencia.

O 14 de febreiro, día de San Valentín no santoral, transformouse nunha das efemérides comerciais máis consolidadas. A súa identificación coa conmemoración das namoradas parte de diversas orixes, mais hoxe a representación máis visíbel é a dos escaparates decorados con corazóns, ou a reposición de clásicos do cinema que exaltan o modelo do amor romántico na televisión.

O calendario tamén identifica o 14 co Día Europeo da Saúde Sexual e Reprodutiva. E amor romántico e sexualidade van estreitamente da man nunha sociedade na que este modelo sigue vixente no século das redes sociais e aplicacións para ligar. 

O amor romántico

A sexóloga feminista Laura Robledo define o amor romántico como "o modelo de amor hexemónico na cultura occidental". "Outras culturas contan con referentes distintos", explica a Nós Diario. “O concepto data da época vitoriana, caracterizada por un gran constrinximento emocional, e lígase a unha exaltación dos sentimentos e do namoramento”, continúa.

Tanto Robledo como María Rosendo, filóloga e educadora social, aluden á parella heterosexual como o núcleo arredor do que xira o amor romántico. "Incúlcasenos as mulleres que debemos ter unha parella”, di Rosendo a este medio, “alguén con quen compartamos todo e nos fusionemos diluíndo a propia identidade".

Incúlcasenos as mulleres que debemos ter unha parella, di Rosendo

"Nas relacións homosexuais tamén se reproducen a miúdo os fitos que marca o amor romántico unha vez conformada a parella. O matrimonio e a vida en común; as crianzas e o envellecer xuntas", apunta Robledo.

"A relación debe ser monógama”, engade a sexóloga, "e estabelécese unha xerarquía na que se lle dá prioridade sobre calquera outra, mesmo a que temos con nós mesmas". A socialización do modelo comporta que as mulleres deixen de lado os seus desexos e aspiracións. 
O profesor de secundaria Pepe Cabido organiza obradoiros non mixtos para rapaces, cos que traballa nos procesos do amor e do desamor. "Segue vixente o mito do don Juan, nos homes amar é sinónimo de debilidade", di.

Nos homes amar é sinónimo de debilidade, afirma Cabido

Aos rapaces tampouco se lles ensina a manexar a frustración dun rexeitamento ou da fin dunha relación e aprenden do que reciben nas súas pantallas. "Comeza entón un proceso de negación que pode derivar nun control da persoa que quere deixar a parella ou mesmo no uso da violencia", explica o docente.


A sexualidade

"Sen dúbida o modelo de amor romántico afecta a como construímos a nosa sexualidade", recorda a filóloga e educadora. "A monogamia xunto co mito da eterna paixón provoca a culpa de quen deixa de sentir desexo pola súa parella ou comeza a experimentalo cara a outras persoas", abunda a sexóloga.

Robledo apunta a que recae na parella a "responsabilidade" de satisfacer os desexos sexuais da outra persoa. "Moitas mulleres heterosexuais ceden para compracer as súas parellas masculinas", afirma. "O home non é educado ou socializado no afecto nin nos coidados, e o seu éxito a nivel social é entendido como a 'conquista', co terríbel que é esa expresión, do maior número de mulleres, ás que se cousifica", di Cabido.

Moitas mulleres heterosexuais ceden para compracer as súas parellas, apunta Robledo

As tres coinciden na necesidade de educar desde a infancia para desbotar un modelo nocivo para as persoas. “Imparto obradoiros á rapazada de Primaria, Secundaria e a mulleres de máis de 60 anos. Impresiona ver como repiten as crenzas sobre o amor", di Robledo. "Fálase moito da influencia negativa do porno, mais o problema é que a mocidade carece dunha educación sexual e afectiva saudábel”, denuncia.

O cinema, a literatura ou as series. Rosendo fai fincapé en toda unha simboloxía que apuntala o modelo do amor romántico. "É complexo saír dese sistema", di, "cómpre atopar espazos de reflexión nos que compartir experiencias e camiñar cara a modelos máis sans". 

"Desde hai anos considero que moitas nais, e tamén pais, esforzáronse por criar mulleres libres, empoderadas e independentes e creo que o fixeron bastante ben. O que pasa é que se lles esqueceu educar aos seus fillos varóns para que fosen compañeiros. Non só compañeiros no sentido sentimental, pero tamén de vida, de traballo ou de amizade", finaliza Robledo.