San Valentín, o amor romántico e a violencia machista

[Banksy]

O COPG lembra con motivo desta data que a “dominación” e o “control” son “as manifestacións máis comúns da violencia machista”.

San Valentín. 14 de febreiro. O día instucionalizado para as persoas namoradas. Máis unha data para acudir á chamada das áreas comerciais na procura de agasallos. Unha desas superficies é El Corte Inglés. Sabedora do carácter consumista destas datas nas que casais e parellas compartillan obsequios, esta empresa decidiu tirar de creatividade e lanzar unha curtametraxe para promover as compras nas súas tendas.

Axiña as redes sociais ferveron en críticas polo contido da peza audiovisual intitulada 'Xis ou corazón'. O vídeo, sinalan desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG) “constitúe un magnífico exemplo do que é a dominación e o control nas parellas, unha das manifestacións máis habituais da violencia de xénero”.

Concretamente a historia xira arredor dun mozo que “tenta controlar as actitudes dunha moza coa que está nunha fase inicial da relación, recrimínalle os seus comportamentos” na rede social Tindr, unha aplicación móbil para ligar. Ao final do vídeo, a muller “comprométese a se controlar, textualmente”, sinalan desde o Colexio.

COPG:  “O vídeo de El Corte Inglés constitúe un magnífico exemplo do que é a dominación e o control nas parellas"

Romanticismo

A peza audiovisual foi retirada por El Corte Inglés apenas 24 horas despois de a lanzar na rede perante as denuncias públicas polo seu carácter machista. “Se pode extraerse unha consecuencia positiva da campaña é que foi tal o volume de críticas dirixidas á empresa pola campaña que se viu na obriga de retiralo en menos de 24 horas. É dicir, que a conciencia social vai alén das consignas publicitarias e a repulsa a este tipo de mensaxes é inmediata; grazas ás redes sociais, a opinión pública pode manifestarse directamente”, sinalan desde o COPG.

"Grazas ás redes sociais, a opinión pública pode manifestarse directamente”

“Cando as estatísticas da violencia machista son tan reveladoras como sucede na nosa contorna, faise imprescindible que o conxunto da sociedade e os seus axentes, tamén as empresas, se impliquen en loitar contra esta lacra. Deben promoverse modelos de relación afastados do patriarcado, da submisión e do control”, acrecentan.

E é que as estatísticas oficiais, mais tamén o movemento feminista e organizacións profesionais como o propio Colexio ou a Asociación para a Saúde Emocional da Infancia e a Adolescencia (ASEIA), advirten da “normalidade” coa que as novas xeracións están a asumir o “control” e a “dominación” nas relacións de parella.

As cifras

Neste senso, unha enquisa desenvolvida o pasado ano polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sinala que 3 de cada 10 persoas entre 15 e 39 anos ve como "inevitábel" o control de horarios ou mesmo "impedir" ver a familia e amizades. “Un control que se estende a temas como os estudos ou o traballo, ou incluso a dicirlles o que poden ou non facer”, acrecentan desde o COPG.

Segundo o CIS 3 de cada 10 persoas entre 15 e 39 anos ve como "inevitábel" o control de horarios ou mesmo "impedir" ver a familia e amizades

Aliás, advirten que “a súa percepción das desigualdades entre os xéneros é menor que a do resto da poboación”, o que reflicte, subliñan, “un descoñecemento e unha normalización de comportamentos que non deben ser aceptados e que nos conducen a un contexto no que a violencia de xénero se xustifica e se tolera, no que se perpetúa a identificación da muller con actitudes abnegadas, submisas e pasivas”.

No cerne da cuestión continúan a situarse os estereotipos, roles e preconceitos vencellados ao romanticismo, como a consideración de que os ciumes ou o control através das redes sociais e as TIC son unha mostra de aprecio. Ideas reforzadas en moitas ocasións através dos medios de comunicación, o cinema ou mesmo a literatura.

Neste senso, o estudo desenvolvido polo CIS sinala que un cuarto (25%) das mozas entre 16 e 19 anos afirman que a súa parella lles impediu ou impide relacionarse coa súa familia e amizades; sospeita inxustificadamente de infidelidades, agarda que lle pidan permiso para ir pola súa conta ao hospital ou centro médico e mesmo insiste en saber onde está en cada momento. Valores que se sitúan por riba da media en todas as faixas de idade até os 40 anos.

"O 25% das mozas entre 16 e 19 anos afirman que a súa parella lles impediu ou impide relacionarse coa súa familia e amizades ou sospeita inxustificadamente de infidelidades"

De igual maneira, un de cada tres varóns entre os 12 e os 24 anos recoñecen –segundo un estudo publicado polo Centro Reina Sofía en 2015-- que “en certo grao as agresións machistas como consecuencia da provocación da vítima, unha proporción que se mantén entre aqueles que cren que a violencia contra a muller pertence ao ámbito familiar e non debe saír de aí. Unha cuarta parte deles opina que se unha muller maltratada pola súa parella non corta a relación é porque non lle desgusta de todo esa situación, mentres que un 31% estima que un bo pai debe facer saber ao resto da súa familia quen manda”, explican desde o Colexio de Psicoloxía de Galiza.

"Un de cada tres mozos entre 12 e 24 anos sitúan "a provocación da vítima" como causa das agresións machistas"

Neste contexto, desde o COPG lembran que –de acordo coas cifras oficiais-- “entre os 18 e os 29 anos é cando a cantidade de vítimas se incrementa de forma progresiva, moi especialmente desde os 19 anos. Entre os 12 e os 24 anos, un 5% das mulleres foron agredidas se non facía cousas que non quería, un 3% foi golpeada nalgunha ocasión pola súa parella, un 8% intimidada con frases ou insultos de carácter sexual, a un 4% difundíronlle fotos ou mensaxes por internet ou polo móbil sen o seu consentimento, e a un 6% presionáronas para actividades sexuais que non desexaban practicar. Porcentaxes significativas ás que se unen outras como estas: a un 30% intentárona controlar dicindo por ela ata o máis mínimo detalle, a un 25% intentárona controlar a través do móbil, a un 23% insultárona ou ridiculizárona e a un 22% tentaron illala das súas amizades”.

Destarte, o Colexio chama a “non minimizar” o traballo de prevención e resposta perante a violencia machista e a que este sexa asumido polo “conxunto da sociedade” e “os seus axentes”, tamén “as empresas” através da promoción de “modelos de relación afastados do patriarcado, da submisión e do control”.