Desmontando o amor romántico

Os 10 mitos do amor romántico na psicoloxía moderna

Detalle do cadro "O bico", de Klimt

O amor é un dos eixos fundamentais na construción do carácter das persoas. Na era de internet, as formas de amar convencionais están a deixar paso a outros modelos. Porén, a mocidade segue a reproducir os comportamentos típicos do amor romántico. A orixe destas condutas vén da socialización aprendida na infancia, aquela denuncia a cita de Kate Millett “... mentres nós amabamos, os homes gobernaban”. Así nolo explican Amada Traba e Chis Oliveira, autoras de ám@me (Galaxia, 2018). Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 334 de Sermos Galiza.

A palabra poliamor (relación sexo-afectiva con máis dunha persoa á vez) é un dos termos máis buscados en internet no último ano. Os novos modelos relacionais calan sobre todo entre a mocidade. Mais, a pesar das mudanzas sociais do último século, segue a haber peso do tradicional: os ciumes, a posesión, o control. “Son cousas que entran moi profundo na nosa psique a través da socialización”, di a socióloga Amada Traba.

 

“Hai unha certa curiosidade por experimentar, por abrir, por ver”, sinala Traba. A emerxencia de novas orientacións sexuais e modos de relacionarse non normativos nas series de televisión e películas está a verse na irrupción doutros xeitos de entender o amor por parte da xuventude. Porén, segue a pesar moito a educación que ten que ver coa construción de xénero máis tradicional. “Parece que se albisca algún cambio, a partir do amor nas redes. Cambia a rapidez de ligar, agora vaise máis ao gran”, indica. Todos os elementos anteriores de cortexo e sedución varían cara a novos patróns. Aínda así, “non parece alterar outros elementos básicos moi metidos na socialización. A baixa autoestima das mulleres condiciona como se relacionan. Ademais, o amor é algo historicamente ligado á identidade das mulleres”, subliña.

 

Importancia da educación

 

Para Chis Oliveira “é precisamente no terreo sentimental, no noso imaxinario sexual e afectivo onde queda todo o traballo por facer”. Explica así a enorme influencia da educación, moitas veces inconsciente, que cimenta certas servidumes e inercias na nosa conciencia. A literatura, as series, a publicidade e mesmo os modelos amorosos que nos rodean desde a infancia constrúen un determinado xeito de amar, “moi ancorado a esquemas de mitos xudeu-cristiáns nos que a tarefa asignada ás mulleres era a maternidade e o sistema gratuíto de coidados”.

 

A catedrática de Filosofía celebra que o movemento feminista conseguise darlle a volta na parte social, mudando a visión que as mulleres teñen do mundo e de si mesmas. Esa nova percepción social xera moitas veces contradicións co que teñen asimilado na súa personalidade. A solución pasa para ela por unha educación consciente, que non se limite a deixar a nosa ensinanza afectiva á disposición dos estímulos da ideoloxía dominante conservadora.

 

Estes son os mitos do amor romántico segundo a psicoloxía moderna

 

1. Mito da media laranxa: Pensar que existen dúas persoas destinadas a atoparse e que sen esa hipotética parella ideal a nosa vida está incompleta.


2. Mito dos celos: Tomados como signo de amor, promoven a desconfianza e limitan a liberdade individual.


3. Mito da omnipotencia, “o amor que todo o pode”: Entender que se dúas persoas están destinadas a xuntárense superarán calquera dificultade que atopen no camiño, chegando a tolerar actitudes tóxicas.

 

4. Mito das discusións: Ten dúas vertentes extremas, que discutir é malo e que se unha parella non discute é porque non se quere.


5. Mito do namoramento: Pensar que cando a euforia inicial da relación desaparece é porque rematou o amor.


6. Mito da exclusividade: Moi vencellado ao mito dos ciumes, esixir que a atracción sexa única e exclusivamente para a túa parella durante o resto da vida.


7. Mito da unidade: Tomar a parella como unha única persoa, con gustos e opinións idénticas, ignorando a personalidade de cadaquén.


8. Mito dos polos opostos: Crer nunha atracción irrefutábel entre persoas totalmente opostas.


9. Mito da convivencia ou do matrimonio: Ter como único obxectivo satisfactorio e final a convivencia dunha parella como matrimonio e de ser posíbel, con crianzas.
 

10. Mito da parella: Estereotipo de parella heterosexual, normativa e típica. Pensar que todo o que se saia da norma é menos válido.

 

[Podes ler a información íntegra no número 334 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]