As peaxes chegarán as autovías galegas en 2024 e o Estado xa pensa en cobrar en todas as estradas

Percorrer a A-8 até Asturias, por exemplo, terá un custe engadido. (Foto: Europa Press)

O Goberno español baseará esta política de imposición de taxas en dous principios: “Quen contamina, paga” e “O que usa, paga”. Aliás, xa está en estudo introducir as portaxes no resto de infraestruturas.

A iniciativa do Goberno español para comezar a cobrar peaxe nas autovías galegas -e nas do resto do Estado- tal e como se fai agora coas autoestradas semella cobrar forza. A equipa de Pedro Sánchez xa estabelece 2024 como o ano da chegada deste novo imposto sobre a mobilidade.

Coas ideas de “Quen contamina, paga” e “O que usa, paga”, faltaría relativamente pouco tempo para reducir o que levan no peto as e os condutores galegos que circulan pola A-8 que conecta Galiza con Asturias ou a A-6, que é a principal vía de saída do país en canto ao uso, entre outras.

Aínda está por ver se o sistema é o mesmo que o empregado en Portugal, onde é preciso contar cun telepeaxe para pagar as taxas ou haberá cabinas de cobro, e o Executivo do Estado xa anuncia tamén a posibilidade de que nun futuro se cobre en toda a rede de estradas, con independencia de que sexan vías rápidas ou de tránsito normal.

Porén, a posta en marcha da primeira fase estímase nun tempo de “entre dous e tres anos”, posto que polo exemplo internacional leva tempo crear infraestrutura e unha normativa que regule esta nova taxa.

Fálase de que haberá conversas coa poboación, especialmente co sector dos transportes, se ben o cobro parece cada vez máis próximo. Por exemplo, no caso deste ámbito de traballo as empresas serían as encargadas de pagar.

Cuestión de mantemento

Pero parece algo feito tirando de argumentos como a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e do impacto da estrada sobre o medio ambiente, pero o principal motivo é recadador.

"Cunha rede estatal que supera os 26.466 quilómetros de extensión, dos que uns 12.000 son de estradas de alta capacidade, o que fai que teñamos a máis extensa de Europa, os custos de conservación son crecentes e non é posible que sexan asumidos de maneira directa polos recursos orzamentarios", sinala o documento enviado á Unión Europea.

Ademais dos impostos habituais, cuxo destino tamén son as infraestruturas, esta incorporación de novas portaxes suporía, por exemplo, 22 euros na A-6 entre A Coruña e Madrid. Mais as cifras aínda non están fechadas. A situación contrasta coas peticións para obter rebaixas na AP-9.

O director xeral de Tráfico, Pere Navarro, aposta neste novo sistema. “En todos os países europeos págase pola conservación e mantemento das estradas de alta capacidade, en todos”, destacou.

Declarou que co fin dalgunhas concesións os custes asúmeos o Estado, mais afirma que non é posíbel seguir así. “Non podemos. Vostede, cando vai no tren, non vai gratis. Hai unhas infraestruturas que hai que pagar aquí e en calquera país”, subliñou.