Patxi López afea a Feixoo que nomease xerente do Sergas a irmá do xerente da patronal da sanidade privada

O ex lehendakari Patxi López e portavoz do PSOE no Congreso. (Imaxe: Nós Diario)
López tamén se referiu ao “colapso” da atención primaria na Galiza e aos recortes que, ao seu ver, se sucederon durante o Goberno de Feixoo.

O actual portavoz do grupo parlamentario do PSOE no Congreso en Madrid, o vasco Patxi López afeoulle ao líder do PP a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, a súa xestión da sanidade pública durante a súa etapa como titular da Xunta da Galiza.

En concreto, López referiuse ao “colapso” da atención primaria na Galiza e aos recortes que, ao seu ver, se sucederon durante o Goberno de Feixoo.

Ademais, o portavoz socialista referiuse á designación de Estrella-López Pardo, xerente do Sergas que, como informou en exclusiva Nós Diario, é irmá do xerente da sanidade privada na Galiza, Manuel López-Pardo.

En palabras de López, “isto é ineptitude e algo moi orquestrado”, por parte de Núñez Feixoo.

A exclusiva de 'Nós Diario'

O pasado día 2 de marzo, Nós Diario publicaba en exclusiva que a xerente da sanidade pública galega e o xerente da patronal da sanidade privada na Galiza eran irmáns.

A polémica levaba presente desde o primeira día para  a xerente do Sergas, Estrella-López Pardo que xa dixera nunha das súas primeiras declaracións públicas que “a poboación ten que entender que non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde” e indicou que non todas as citas de Atención Primaria teñen que darse no día.

Pola súa parte, o irmán de Estrella López-Pardo Pardo, Manuel López-Pardo Pardo, é o actual director-xerente da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), a patronal da sanidade privada galega.