Mar

Patróns e mariscadores de Arousa e Ferrol, preocupados polo incremento da temperatura da auga

Mariscadoras camiñando por unha das zonas de marisqueo no municipio de Redondela. na enseada de San Simón, o pasado 17 de novembro (Foto: Adrián Irago / Europa Press).

A mortalidade do berberecho sitúase no 80% e para as distintas variedades de ameixa móvese entre o 80% e o 100%.

O patrón maior da Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa, Juan José Rial Millán, o seu homólogo da Confraría de Ferro, Gustavo Chacartegui, e a mariscadora e vicepresidenta do Club Subacuático Pérez-Sub, Soraya Hermida, participaron esta quinta feira na presentación do balance do proxecto Placto, de Afundación, co que colaboran. Na mesma, preguntados pola situación dos bancos marisqueiros, os tres mostráronse “moi preocupados”, especialmente polo incremento da temperatura da auga.

Tal e como indicou Rial, a mortalidade do berberecho sitúase no 80% e para as distintas variedades de ameixa móvese entre o 80% e o 100%. Explica que á subida de temperaturas, súmanse as choivas moi intensas que caeron en pouco tempo. "Non só é un prexuízo para esta campaña, senón para as próximas. A situación agora mesmo nos bancos é bastante complicada", lamentou.

Así, animou a todas as Administracións a colaborar para recuperar as zonas "entre todos" e, especialmente, fixo un chamamento aos Gobernos para que lancen axudas e agradeceu a Abanca que habilitase anticipos para "a xente que non pode esperar".

Soraya Hermida tamén se mostrou preocupada pola situación, especialmente a futuro, xa que cousas como a subida das temperaturas ou as riadas "son algo imposíbel de controlar".

"Levo 20 anos traballando no mar e a cousa vai a menos. Son moitas familias, pobos enteiros os que viven diso. Por exemplo, en Noia, o motor económico principal é o marisqueo. É preocupante", comentou. Precisamente nesta localidade o sector marisqueiro, que agrupa máis de 4.000 das 7.000 traballadores e traballadores que ten o sector no país, leva parado desde o mes de decembro debido á mortalidade do produto.

Estudos científicos

Ante a morte masiva de bivalvos rexistrada nas rías galegas nos últimos meses, o sector marisqueiro denunciou mesmo o impacto que causa a apertura de encoros (algo que si se pode predicir) e os estudos científicos apuntan a unha incidencia de causa-efecto. "Se baixa a salinidade, hai mortaldade", deixou claro Almudena Hospido, investigadora da área de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Hospido participou nun estudo xunto a compañeiras da USC cuxos resultados constataron que as verteduras de auga ás rías estaban detrás de boa parte de mortalidade dos bivalvos, ao provocar unha baixada na salinidade.