Lugo

Dous mozos morren ao impactar un tren contra o seu coche nun paso a nivel sen barreira en Lugo

Gardas civís de tráfico fronte ao choque do tren a un coche nun paso a nivel, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As autoridades investigan xa o sucedido en Recimil (Lugo) para tratar de esclarecer o motivo polo que un vehículo no que circulaban tres mozos —dous deles mortos— irrompeu na vía no momento en que pasaba un convoi da liña A Coruña-Monforte. O terceiro ocupante permanece ingresado na UCI do HULA con feridas de gravidade.

A circulación da vía ferroviaria en Lugo quedou restabelecida após a retirada do tren de Media Distancia que arroiou un coche nun paso a nivel á altura de Recimil, no municipio de Lugo, na mañá desta cuarta feira e que deixa dous mortos e un terceiro ferido grave. Segundo confirmaron fontes de Adif, neste treito xa se opera "con normalidade" desde as 14.27 horas. O convoi sinistrado, no punto quilométrico 424,010 cubría a liña entre A Coruña e Monforte de Lemos.

O tráxico accidente produciuse contra as 9.16 horas desta cuarta e saldouse cun mozo, J. A. C. R., de 21 anos e natural de León falecido por mor da colisión. Os ocupantes do vehículo participaban na obra dun centro asociado á subestación de Adif de Oural (Sarria), no marco da electrificación da liña Ourense-Monforte-Lugo, a soldo da empresa Telice. As autoridades investigan agora as causas do sinistro.

Outro dos ocupantes, M. F. R., de 19 anos e tamén de León, finou contra a última hora da tarde na UCI do HULA, onde chegou en estado crítico. O terceiro, que responde ás siglas J. F. G. e de 22 anos, da mesma cidade que os compañeiros, continúa nestes momentos na unidade de coidados intensivos con feridas de gravidade. 

Trátase dun paso a nivel sen barreiras, con sinais de stop e de aspa, tal e como confirmou tamén o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco. Fontes de Renfe informaron, en declaracións á axencia Europa Press, de que todos os pasaxeiros e o maquinista do tren están ben —un total de 18 persoas viaxaban no convoi—. Até o lugar enviouse un autobús e varios taxis para evacuar os viaxeiros.

Branco asegurou que desde a Delegación están nestes momentos "en contacto permanente" con Renfe e Adif a raíz deste accidente. "Queremos trasladar a nosa solidariedade á familia do mozo falecido e toda a nosa esperanza ás persoas que están no hospital recuperándose", incidiu.

Estado no que quedou o vehículo após o sinistro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Tamén a conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, lamentou o sinistro e trasladou as súas condolencias ás familias, ao tempo que demandou "que se investiguen as causas", co obxectivo de "esclarecer o sucedido" no paso a nivel e que "este tipo de accidentes non volvan acontecer".

Por parte do Concello de Lugo foi a portavoz municipal, Paula Alvarellos, quen mostrou a consternación da corporación polo accidente e trasladou as condolencias "aos seres queridos dos ocupantes dese vehículo sinistrado".

Advertencias da veciñanza

A veciñanza da parroquia de Recimil levaba tempo demandando a mellora da seguridade no cruzamento onde se produciu o sinistro. Segundo sinalan, nese mesmo lugar xa teñen acontecido outros accidentes e sinistros. O tramo da vía do tren onde se produciu o accidente encóntrase actualmente en obras, estando prevista a supresión do paso a nivel e a creación dun paso soterrado. No momento do accidente sentiron a colisión tanto a veciñanza das casas próximas como os pasaxeiros e pasaxeiras do tren.