O 'pasaporte Covid' xa está aquí

Unha sanitaria inxecta a un paciente a primeira dose da vacina AstraZeneca no recinto de Expourense (Rosa Veiga / Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que xa "desde a quinta feira" está dispoñíbel o certificado de vacinación contra a Covid-19 en Galiza.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que xa "desde a quinta feira" está dispoñíbel o certificado de vacinación contra a Covid-19 en Galiza, para que a cidadanía que sexa inmunizada poida ter esta información a través da aplicación E-Saúde.

En declaracións aos medios ofrecidas este sábado, 17 de abril, na súa visita ao punto de vacinación masiva do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), o conselleiro explicou que os pacientes xa poden descargar ou ter en formato dixital este documento co que a Xunta "se adianta" ao que estabelecerá a Unión Europea nun futuro.

Por agora, Sanidade contempla que sexa unha ferramenta que recolla "información áxil e dispoñíbel" sobre a vacinación para "aqueles usos que se estabelezan", aínda que de momento non conta con usos prácticos.

Intercambiábel co da UE

Ademais, Comesaña recalcou que é unha iniciativa coordinada cos requisitos que "estabelece a Unión Europea", de modo que "no mes de xuño sexa fácil cambiar" o formato galego polo que se determine a nivel comunitario.

Por agora, este documento soamente recolle a información sobre a vacinación do paciente, mais o conselleiro asegurou que nos próximos días incorporará as probas microbiolóxicas realizadas e se a persoa pasou a Covid-19.