Noveno día consecutivo de aumento de contaxios da Covid

Inmediacións do Hospital Marítimo de Oza, na Coruña (M. Dylan / Europa Press)

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés segue sumando ingresados, até o total de 24 nos datos deste sábado, dos que seis están críticos. No total nacional hai cinco ingresados máis en UCI, mais descende a presión hospitalaria.

A presión hospitalaria que deixa a pandemia da Covid-19 no país descendeu até os 183 ingresados en total, unha ducia menos que 24 horas atrás. Con todo, isto débese á caída rexistrada nos pacientes en planta, que pasan a 152 ─17 menos─, xa que os que están en unidades de coidados intensivos (UCI) aumentan en cinco, até os 31.

Mentres tanto, os casos activos da enfermidade seguen á alza por novena xornada consecutiva, até alcanzar os 2.590 pacientes, de acordo cos datos ofrecidos este sábado, 17 de abril, pola Consellaría de Sanidade, actualizados ás 18 horas da sexta feira.

Por áreas sanitarias, seis das sete ─todas, agás Pontevedra-O Salnés─ ven reducida a súa presión hospitalaria, aínda que hai que ter en conta que en ningunha delas os pacientes en UCI descenden, senón que soben ou se manteñen.

Na área da Coruña-Cee, os ingresados baixan en tres, até os 60 en total, aínda que os críticos soben en un, até os oito. Unha tendencia similar segue a de Vigo, que contabiliza 34 enfermos hospitalizados ─catro menos─, dos que cinco ─un máis─ están na UCI.

En Santiago-Barbanza, os ingresados sitúanse nos 24 (-5), dos cales tres mantéñense en coidados intensivos; en Ourense-Verín-O Barco, hai 20 hospitalizados (-1), dos que seis (+1) están críticos; en Lugo-A Mariña-Monforte hai 10 ingresados en total (-1), tres deles (sen cambios) en coidados intensivos; e Ferrol, con seis hospitalizados, segue como a única área coas UCI libres de Covid.

Pola súa banda, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés segue sumando ingresados, até o total de 24 nos datos deste sábado (+4), dos cales seis (+2) están críticos.

Máis casos activos

En canto aos casos activos, Galiza encara o alivio nas restricións desta fin de semana cun aumento por novena xornada consecutiva ao situarse en 2.590, o que supón 67 máis que a xornada anterior.

Por áreas, as infeccións activas soben en seis das sete: en Vigo, até os 655 pacientes (+13); na Coruña, a 628 (+20); en Pontevedra-O Salnés, a 417 (+10); en Ourense-Verín-O Barco, a 224 (+7); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 189 (+16); e en Ferrol, que pasa o centenar e sitúase en 101 (+4).

En Santiago-Barbanza descenderon lixeiramente, até situarse nos 376 casos activos (-3).

Novos contaxios

En canto aos novos contaxios detectados nun só día por calquera tipo de proba, baixaron até os 194 ─176 confirmados cunha PCR─, o que significa unha baixada de 67 con respecto aos 229 nos da sexta feira.

Das 194 novas infeccións rexistradas, case a metade se reparten entre as áreas da Coruña-Cee (48) e Vigo (46). Tras estas, están Pontevedra-O Salnés, que suma 32 novos casos de coronavirus; Lugo-A Mariña-Monforte, con 26; Santiago-Barbanza, 18; Ourense-Verín-O Barco, 15; e para rematar Ferrol, con nove contaxios novos.

Xa que logo, os contaxiados de Covid-19 no país ascenden a 119.677 desde o inicio da pandemia, dos que 29.001 corresponden á área sanitaria da Coruña; 22.871, á de Vigo; 18.888, á de Santiago; 15.098, á de Ourense; 13.209, á de Pontevedra; 12.255, á de Lugo; e 8.355, á de Ferrol.

Até a data da última de actualización de datos, Galiza realizou 1.949.092 PCR desde o inicio da pandemia, que supoñen 5.807 probas feitas nas últimas 24 horas ─unha baixada de 1.338 con respecto ás realizadas o día anterior─.

A respecto da taxa de positividade, ascendeu até 3,1%, tras se manter arredor de 2% nos últimos días. Con todo, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Falecidos e curados

A pandemia deixa até a data en toda o país 2.371 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19, ao non notificar Sanidade novas vítimas desde a cuarta feira. Entre finais de setembro e finais de marzo comunicáronse mortes de forma diaria e desde entón tan só houbo sete xornadas sen notificación de vítimas.

Así mesmo, até o momento curáronse da Covid en toda Galiza 114.738 pacientes, o que supón que 127 persoas recibiron a alta nas últimas 24 horas.