A primavera traerá o 'pasaporte Covid' á UE

A Comisión traballa nunha proposta de lei, con Estados a favor e en contra.
EuropaPress_3359161_handout_05_october_2020_peru_lima_an_airport_employee_in_protective_suit (1)
photo_camera Control de viaxeiros no aeroporto Jorge Chávez de Lima, Perú (Andres Valle / dpa)

A cidadanía da UE que estea inmunizada contra a Covid-19 contará cun certificado de vacinación que lle permitirá viaxar. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou esta segunda feira, 1 de marzo, que o obxectivo é presentar unha proposta neste sentido antes de acabar marzo.

Desde inicio de ano eran cada vez máis os Estados da UE que estaban a traballar no desenvolvemento dalgún tipo de 'pasaporte' para que os inoculados contra a Covid-19 puidesen atender a eventos públicos ou viaxar a outros países. 

O primeiro ministro de Grecia, Kyriakos Mitsotakis, propuxera a Von der Leyen a creación do 'pasaporte Covid' a nivel comunitario. Porén, no Consello Europeo do 21 de xaneiro, a proposta foi desbotada por falta de consenso. Falta de consenso que levou a Von de Leyen a insistir na pasada quinta feira, tras a cimeira cos líderes da UE, de que Bruxelas traballaría nos próximos tres meses nun certificado,  mais só para uso médico.

Con todo, semella que finalmente o proxecto sairá adiante. En concreto, Von der Leyen dixo que o seu equipo ultima unha proposta lexislativa que "facilite os movementos dentro da UE e ao exterior" daqueles viaxeiros que sexan vacinados contra o coronavirus, mais tamén dos que conten con anticorpos ou acrediten un resultado negativo nun test antes de viaxar.

Pase Verde Dixital

A xefa do Executivo comunitario adiantou os seus plans de presentar a iniciativa durante un encontro fechado con deputados alemáns do seu partido e confirmouno despois a través de Twitter, cando a noticia transcendera xa á prensa.

Na súa mensaxe nas redes, Von der Leyen apuntou que a proposta ─que bautizou como "Pase Verde Dixital"─ "respectará a protección de datos, a seguridade e a privacidade", aínda que evitou dar máis detalles.

O seu vicepresidente responsábel de Saúde e Seguridade, Margaritis Schinas, precisou que a iniciativa verá a luz o 17 de marzo, con tempo para ser examinada antes do Consello Europeo do 25 e 26 de marzo.

Estados que basean a súa economía no turismo recibiron con satisfacción a medida. España, por exemplo, cualificouna de "boa noticia". Porén, outros membros, como Luxemburgo, sosteñen que rexeitarían un pasaporte que "dea máis dereitos a unha persoa vacinada", máis aínda sen que estea claro se a vacina impide a transmisión.

Comentarios