Os partidos chaman á calma a espera de saber se o coronavirus afectará á campaña

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, contactou cos representantes dos partidos para informar sobre o coronavirus (Imaxe: Europa Press).
O Goberno central agardará á evolución dos acontecementos para adoptar medidas concretas en relacións aos comicios galegos e vascos. Polo momento, os eventos deportivos da Galiza desenvolveranse a porta fechada e limitarase o aforo dos culturais e sociais ás 1.000 asistentes.

A cancelación dos voos directos con orixe en Italia e destino ao Estado español ou a suspensión, durante un mes, de todas as viaxes programadas polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais, o Imserso, son algunhas das novas medidas adoptadas polo Goberno central para conter os contaxios por coronavirus, causa da enfermidade COVID-19.

Ademais, os eventos deportivos das ligas de fútbol masculina e feminina de primeira división, os de baloncesto da liga ACB e LEB ouro alén doutros eventos deste carácter con grande asistencia de público desenvolveranse a porta pechada. Na Galiza, as copas do Rei e da Raíña de hockey que se ían disputar na Coruña foron aprazadas. En canto aos eventos culturais ou doutra índole, limitaranse o aforo a un máximo de 1.000 asistentes.

Polo momento, entre as decisións adoptadas recentemente polo Goberno central non se inclúen medidas específicas para a campaña electoral de cara as eleccións galegas e vascas do 5 de abril. A ministra voceira, María Jesus Montero, avanzou que "cando chegue o momento" estudaranse accións concretas.

"Teremos que analizalo no momento oportuno. Se de aquí a que chegue o 5 de abril se producise outra situación que aconselle a non celebración de ningún tipo de evento, así se fará saber", puntualizou. "Nin unha campaña electoral, nin o interese dos partidos políticos vai estar por encima de intentar conter esta enfermidade", engadiu Montoro. 

Precampaña galega

Porén, representantes das forzas políticas galegas xa albiscaron onte a posibilidade dunha precampaña e unha campaña electorais marcadas polas medidas de contención do coronavirus. 

O xefe do Executivo galego, o popular Alberto Núñez Feixoo, admitiu a súa "preocupación" ao respecto, ao tempo que pediu tranquilidade. Onte formou parte por primeira vez do comité que aborda a xestión da enfermidade COVID-19 no país. O xefe do Executivo galego esgrimiu que están actuando seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias.

Preguntado pola posibilidade dunhas eleccións sen mitins de campaña, replicou que “nunca se deu unha situación así”, matizando que “é certo” que se terán que tomar decisións en materia de prevención. As populares decidiron, polo momento, suspender o acto que prevían celebrar este sábado no concello do Pino.

O líder e candidato das socialistas, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento a "non caer no alarmismo". Recoñeceu que se barallan "moitas cuestións", como a posibilidade de que "isto poda afectar incluso á xornada electoral". Ademais, subliñou que "a día de hoxe" a formación prevé manter as actividades "permitidas legalmente" con "normalidade".

A voceira e candidata do BNG, Ana Pontón, demandou a comparecencia do Goberno galego no Parlamento. "Milleiros de persoas están a preguntarse como afecta o coronavirus ao seu día a día", precisou, ao tempo que ofreceu o apoio do BNG ao Executivo e solicitou unha reunión con todas as líderes das forzas políticas