O Goberno galego e o estatal acordan novas medidas de contención contra o coronavirus

J. Brady (Europa Press)

Prohibe os voos directos desde Italia e suspende as viaxes do Imserso. Feixoo avanzou, ademais, que durante 15 días limitaranse as visitas nos hospitais e nas residencias de maiores.

 

Os casos de infección por coronavirus SARS-CoV2 na Galiza ascenderon a 27 nas últimas horas, segundo informou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo após presidir a comisión de seguimento do brote epidémico na que están implicados  os distintos departamentos da Administración. A canda estes casos, dixo, hai tres máis en estudo.

Ademais, Feixoo avanzou que, durante 15 días, fíxase o límite de visita dunha persoa por paciente ingresado en calquera hospital galego e a unha visita por interna nas residencias de maiores. Tamén recomenda optar por consultas telefónicas en vez de ir ao hospital, siempre que sexa posible; e indicou que se limitará oaforo de eventos a 1.000 personas.

Medidas estatais

O Goberno español anunciou esta terza feira un novo paquete de medidas contra o Covid-19 co único obxectivo de intentar frear a expansión do coronavirus, que xa rexistra máis de 1.600 casos en todo o Estado, con 35 persoas falecidas.

Após os anuncios desta segunda feira que afectan Madrid e as localidades vascas de Gasteiz e Labastida a suspensión das clases en todos os niveis educativos (A Rioxa incorporouse esta terza feira), o Goberno tomou a decisión de que se xoguen a porta pechadas todos os eventos deportivos multitudinarios (a Liga, ACB ...).

Ademais, están prohibidos os voos directos desde calquera aeroporto situado na República de Italia a calquera aeroporto situado no Estado español desde as 00:00 horas do 11 de marzo e até as 00:00 horas do 25 de marzo . Esta decisión xustifícana polos numerosos contactos aéreos entre Italia e o Estado, cun número importante de voos e viaxeiros procedentes das zonas afectadas.

"Italia representa o terceiro mercado aéreo internacional por importancia para España, con máis de 106 mil operacións comerciais rexistradas en 2019 e arredor de 16 millóns de pasaxeiros, o que representa aproximadamente 9% do total do noso tráfico internacional. Segundo estas cifras, non é de estrañar que a gran maioría dos casos importados ao noso país estivesen relacionados con viaxeiros procedentes de Italia ", sinálase no Boletín Oficial do Estado. Esta medida aplícase a todos os voos directos realizados desde a República de Italia ao Reino de España, agás avións estatais, paradas non comerciais (polo tanto sen pasaxeiros), voos posicionais e aqueles exclusivamente de carga, humanitaria, médica ou de emerxencia.

Continxencia reforzada

Este bloque de medidas súmase ás adoptadas a segunda feira á noite, momento no que se aumentou o nivel de risco a "continxencia reforzada", especialmente en dous focos: a Comunidade de Madrid e as localidades de Gasteiz e Labastida. Esta terza feira uniuse A Rioxa. Nestes lugares suspendéronse as clases dende 0 anos até a universidade, en todos os niveis e tipos de centro, durante dúas semanas.

Ademais, segundo explicou o ministro Illa, recoméndase ás empresas que realicen tele traballo sempre que sexa posible, así como a revisión e actualización dos seus plans de continuidade de traballo en caso de emerxencias.

Estas instrucións xustifícanse polo aumento de casos. A primeira hora da tarde desta terza feira xa se notificaron máis de 1.600 casos e 35 mortes no conxunto do Estado.