A preservación da pita do monte, chave no pioneiro desmantelamento dun 'macrocomplexo' eólico en León

Á esquerda, o parque eólico Omaña, en León; á dereita, unha pita do monte aparecida morta aos pés dun muíño na mesma zona en 2017. (Fotos: SEO/Birdlife)
SEO/Birdlife leva dúas décadas defendendo a conservación desta especie en perigo de extinción nos tribunais fronte ao 'nó' eólico de Villameca, que prevía situar até 437 aeroxeradores na zona.

Un histórico conflito medioambiental que afecta as montañas leonesas e que leva máis de dúas décadas inmerso nun litixio xudicial está perto de chegar á súa conclusión. Trátase da polémica xerada hai xa 23 anos por mor da pretensión de situar até 437 aeroxeradores eólicos, distribuídos nunha vintena de parques, entre as comarcas de Omaña e Cepeda, nunha zona de alto valor natural.

Estas infraestruturas proxectábanse dentro dos límites da zona de especial protección para as aves (ZEPA) que fora designada previamente para preservar a pita do monte (Tetrao urogallus), que xa daquela estaba en perigo de extinción e que nas dúas últimas décadas minguou a súa poboación en 45% e, segundo o último censo, no conxunto do Estado español quedan só 292 exemplares.

O colectivo ambientalista SEO/Birdlife mobilizouse e logrou paralizar boa parte dos parques eólicos que conformarían o coñecido como 'nó de Villameca'. Porén, a tramitación de cada un deles por separado e os atrasos na publicación das súas respectivas autorizacións impediron a adopción de medidas cautelares neses procedementos, polo que chegaron a construírse seis parques cun total de 64 muíños, lembra a entidade nun recente comunicado.

SEO/Birdlife non cesou os esforzos e recorreu cada proxecto amparándose no "inadecuado estudo do impacto individual e acumulado" das infraestruturas sobre a pita do monte e mais o seu hábitat. "Este proceso derivou en sucesivas sentenzas que nos daban a razón e anulaban as autorizacións, pero que deixaban aberta a porta a reiniciar os trámites, entrando nunha situación que impedía o funcionamento dos parques pero que non resolvía do todo o conflito", sinalan.

En 2020 a organización, "após longas negociacións", alcanzou un acordo coas compañías enerxéticas promotoras que aseguraba a retirada dos aeroxeradores máis conflitivos, fondos adicionais para as medidas de conservación desta especie ameazada e un incremento nos beneficios para a poboación local do territorio onde se sitúan os parques.

Ningunha das zonas de construción dos parques eólicos foi considerada "crítica" para a pita do monte

Agora, apuntan desde SEO/Birdlife, o conflito co 'macrocomplexo' eólico de Villameca estaría a piques de chegar á fin —ou, cando menos, o "principio do fin"— co inicio da tramitación do desmantelamento desas turbinas eólicas que maior impacto ocasionaron. De feito, a aparición aos pés dun parque eólico dunha pita do monte morta en 2017 suscitou a polémica en León. Segundo as persoas expertas, esta foi a segunda morte dun exemplar desta especie atribuíbel directamente á afección dos muíños en Europa, após un caso precedente en Suecia.

Porén, outros proxectos anteriormente rexeitados volven á vía administrativa, como os parques Peña del Gato, Valdesamario e La Espina, que a comezos deste ano recibiron a autorización ambiental do Goberno castelán-leonés a pesar de, segundo os ecoloxistas, seguir sen "avaliar correctamente" o impacto sobre a pita do monte —as zonas de construción dos parques eólicos non foron consideradas "críticas" para a conservación desta especie—, e tamén malia ser tombados polo Tribunal Supremo. A aprobación destas infraestruturas foi tamén recorrida, novamente, por diversas entidades.