Nova batalla contra o “agresivo e aberrante” parque eólico que ameaza a serra do Galiñeiro

Imaxe da serra do Galiñeiro. (Foto: Turismo da Galiza)

O deputado Luis Bará anunciou esta segunda feira que ten previsto impulsar varias iniciativas parlamentarias para pelexar pola “paralización cautelar” da nova explotación enerxética, que considera moi negativa para un enclave natural a preservar.

Co proxecto para construír un parque eólico na serra do Galiñeiro aínda avanzando, o BNG uniuse a outros colectivos como a plataforma Serra do Galiñeiro para denunciar que esta actuación sería “agresiva e aberrante” para un enclave natural que ten un gran valor.

Co obxectivo de paralizar, aínda que sexa de forma “cautelar” o plan para crear esta explotación, haberá unha nova “ofensiva política e social”. O primeiro paso será o dado polo deputado Luís Bará, que comentou que vai presentar varias iniciativas no Parlamento galego para pór freo á iniciativa.

Aproveitaría ese tempo gañado para “alargar o grao de protección ambiental do Galiñeiro, propoñendo a súa inclusión no Parque Natural do Aloia”. Nesa mesma perspectiva de salvagarda coinciden as e os nacionalistas de Vigo, Gondomar e O Porriño, que destacaron que de seguir adiante, a instalación vulneraría normas ambientais e directivas europeas. 

Bará, que estivo acompañado da súa compañeira na cámara galega Carmela González, lamentou que se estea a dar cabida a un parque que se corresponde cun “modelo produtivista e de espolio” contra o monte.

"Sen transparencia" e en contra da veciñanza

Ademais, subliñou que tamén é un problema o feito de que se promova “sen participación nin transparencia”.

O Galiñeiro ten, ademais, o recoñecemento como lugar de “especial valor paisaxístico”. O representante do Bloque, de feito, falou da súa flora e fauna, da paisaxe e dos elementos arqueolóxicos e patrimoniais que poderían verse comprometidos.

A voceira municipal do grupo en Gondomar, Manuel R. Pumar, asegurou que a oposición veciñal é masiva. “Un parque eólico é incompatíbel cun modelo de monte sustentábel e protexido como o que defende o BNG”, remarcou.

O seu homólogo en Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que o partido vai seguir traballando en contra das explotacións de enerxías deste tipo despois de “máis dunha década a plantarlle cara á ameaza eólica no Galiñeiro por ser unha agresión inxustificábel a unha peza emblemática do noso medio natural".