O parque eólico Acibal revela eivas na protección do patrimonio cultural e natural

Coto do Mouro, no Acibal, danado polas máquinas unha semana antes de que o dinamitasen. (Foto: Amil sen Eólicos).
O Consello da Cultura Galega vén de emitir un informe no que analiza o impacto do proxecto eólico do Acibal (Moraña, Caldas) sobre o patrimonio cultural, natural e inmaterial. Un informe "demoledor", segundo as entidades solicitantes, que apunta deficiencias na protección da paisaxe e dos achados arqueolóxicos.

En resposta ás entidades ecoloxistas Petón do Lobo, Ecoloxistas en Acción Galiza e Cova Crea, así como a diferentes colectivos veciñais afectados polo parque eólico promovido por Norvento S.L., o Consello da Cultura Galega (CCG) vén de emitir un ditame no que avalía informes previos sobre a tramitación do proxecto e observa o impacto que están a ter sobre o terreo as obras de execución do parque.

No seu escrito pon de manifesto o insuficiente recoñecemento dos elementos patrimoniais naturais e culturais, así como das medidas de protección chamadas a garantir a súa custodia, tanto na fase de tramitación como de construción.

O estudo salienta a falta de colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para darlle acceso á información relativa ao Polígono Eólico Acibal e remite ao Informe de enerxía eólica elaborado polo propio CCG en 2021, no que chamaba á actuación da administración no inventario e protección dos valores naturais da Galiza.

Valores culturais e naturais

A experiencia do Acibal demostra que ese reclamo segue a ser urxente e pon como exemplo as brañas de Amil, unha zona húmida a cuxa identificación debeu seguir de oficio a súa inclusión no Inventario de zonas húmidas da Galiza. Mais non se produciu, o que limita a súa salvagarda. "O estudo de impacto ambiental non delimitou con rigor o ámbito da zona húmida e víronse afectados espazos que forman parte dela".

O CCG tamén advirte eivas na custodia do patrimonio cultural na fase de avaliación. Apunta unha prospección previa incompleta, que nin foi intensiva nin gozou de revisión co paso do tempo, "polo que o proceso de investigación e as súas carencias deixan desprotexidos os elementos patrimoniais, concretamente os de tipo arqueolóxico". Neste sentido, censura que os petróglifos identificados a posteriori pola veciñanza gozaron dunha consideración "parcial, fragmentada e individual", afastada da paisaxe cultural que integran".

O CCG advirte da falta de recoñecemento do dereito da veciñanza a ser parte das decisións que afectan aos territorios nos que viven

Na mesma liña apunta a escasa consideración que recibiron valores históricos como a rapa da bestas que ten lugar no curro de Amil, así como o coñecemento directo da cidadanía tanto do patrimonio inmaterial como da paisaxe cultural. 

Comunidades locais

"A mobilización social das comunidades locais, que se acompañou dun grande esforzo para documentar o patrimonio natural e cultural afectado polo parque eólico non ten o seu reflexo no lado da administración", afirma o CCG, que pon o foco na falta de recoñecemento do dereito da veciñanza "a ser parte das decisións que afectan aos territorios nos que viven".

Desde o colectivo Amil Sen Eólicos defenden que o informe do CCG advirte de importantes deficiencias previas que xa ocasionaron danos irreparábeis sobre espazos naturais e xacementos arqueolóxicos, mais tamén cuestiona o seguimento e control das obras de execución do parque eólico. "É tan importante como estudo previo", polo que piden "paralizar as obras para estudar todos os bens que hai no monte sen danalos máis".