Mar

O Parlamento pide por unanimidade que buques galegos se beneficien da rebaixa no gasóleo

O Parlamento exixe que as bonificacións atinxan aos buques. (Foto: Europe Press).
Os barcos galegos en alta mar non se benefician do desconto no combustíbel de 20 céntimos por litro.

O Parlamento da Galiza reclamou, por unanimidade de todos os grupos con representación na Cámara, que se habiliten as medidas pertinentes para que os buques galegos que faenan en augas internacionais ou fóra da zona económica exclusiva (ZEE) estatal "poidan ser beneficiarios da rebaixa dos 20 céntimos" cando boten combustíbel en portos estranxeiros coa mediación ou intervención directa de operadores loxísticos ou subministradores españois de hidrocarburos.

Tamén por acordo dos tres grupos, solicítase que "se articulen medidas efectivas para que esta bonificación no prezo do combustíbel non sexa de aplicación a buques que, baixo bandeira de conveniencia ou con estándares sociais, económicos ou ambientais inferiores á UE, poidan repor combustíbel en portos españois".

Conflito pola mexilla

Por outra parte, a Comisión de Pesca do Parlamento aprobou outra iniciativa, neste caso do PSdeG, con apoio de todos os grupos, para que se garanta o cumprimento dos acordos adoptados nas diferentes mesas de diálogo abertas cos sectores implicados pola extracción (bateeiros e percebeiros).

Tamén reclama na Cámara copia dos informes e documentos científicos en que se basea a decisión da Consellaría do Mar de "restrinxir a extracción de mexilla nas costas galegas".

Ría de Ferrol

Pola súa parte, na sesión tamén obtivo luz verde unha iniciativa do BNG, con apoio dos demais grupos, que pide á Xunta impulsar e liderar as reunións coas confrarías da ría e coas outras Administracións con competencias na ría de Ferrol.

O obxectivo é que o Goberno galego  "impulse e asuma" o custo da elaboración dun informe ou estudos precisos para "determinar as causas da caída da produción marisqueira na ría de Ferrol". Nos últimos 20 anos a produción marisqueira na ría de Ferrol caeu 7,5%.