O Parlamento Europeo aproba por unanimidade instar o Goberno español a baixar ao pecio do 'Vila de Pitanxo'

Hemiciclo do Parlamento Europeo. (Foto: Parlamento Europeo)
Após escoitar as familias das vítimas e a valoración unánime dos grupos parlamentarios en Bruxelas, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, decidiu remitir unha carta ás autoridades estatais para que actúen coa "maior celeridade e dilixencia posíbel" para dar resposta ao requirimento das familias.

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo instou esta terza feira por unanimidade ao Goberno español que asuma as reclamacións das familias das vítimas do naufraxio do buque pesqueiro Vila de Pitanxo, en que faleceron 21 persoas en augas de Terranova (Canadá), e leve a cabo a baixada ao pecio do barco para obter probas e clarificar as posíbeis causas do afundimento deste.

Após escoitar as familias das vítimas e a valoración unánime dos grupos parlamentarios en Bruxelas, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, decidiu remitir unha carta ás autoridades estatais para que actúen coa "maior celeridade e dilixencia posíbel" para dar resposta ao requirimento das familias.

A portavoz das familias do Vila de Pitanxo, Maria José de Pazo, explicou que existen "moitas incógnitas e lagoas" sobre o naufraxio do pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros das costas de Terranova do cal non se recuperaron aínda os corpos de até 12 vítimas.

"Coñecer a verdade"

Así, pediu "coñecer a verdade" sobre o caso para "facer xustiza e evitar que volva acontecer" e reclamou ao Parlamento Europeo que obrigue o Goberno de Pedro Sánchez a cumprir coa lei "dunha vez por todas".

As familias das vítimas centran as súas demandas en que se descenda até o barco para levar a cabo unha gravación que permita obter evidencias que esclarezan as causas do seu afundimento. Neste sentido, lamentan que o Executivo español trate o accidente como "un máis" ou coma se fose un "naufraxio de hai un século".

Unha unanimidade inusual

A petición polo naufraxio do buque pesqueiro en augas do Atlántico suscitou a unanimidade de todos os grupos, unha situación moi pouco común nunha comisión na cal os partidos do Estado español adoitan evidenciar as súas diferenzas en asuntos de política estatal.

Segundo a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, este episodio evidencia que o Estado "non resolve ben estas investigacións", tras facer referencia a accidentes como o Prestige ou o tren Alvia de Santiago, e considerou "tremendamente ridículo" que agora se estude a exploración do pecio, oito meses despois do accidente.